Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
10 de marzo, Día da clase obreira

Lembrando a Amador e a Daniel, máis sen esquecer as vellas reivindicacións

CIG e CCOO centran os seus actos en Ferrol, onde hai 36 anos foron asasinados os dous operarios de Bazán, baixo o lema "Contra a carestía da vida, salarios dignos".

Redacción - 18:32 10/03/2008
A escultura que lembra a Amador e Daniel

A escultura que lembra a Amador e Daniel

Unha manifestación polas rúas de Ferrol (saíndo ás 19:30 horas do local do sindicato e rematando no Cantón) vai ser o acto central da CIG neste Día da Clase Obreira Galega, na que se lembra o asasinato, en 1972, dos dous obreiros do estaleiro de Bazán, Amador Rey e Daniel Niebla.

Xa pola mañá, uns 80 sindicalistas realizaron unha ofrenda floral ao pé da estatua de Amador e Daniel, na praza do Inferniño.

Trinta e seis anos despois, as reivindicacións seguen a ser case as mesmas: a demanda de salarios dignos e a denuncia da carestía da vida, que na manifestación da CIG se han unir ás reclamacións do Marco Galego de Relacións Laborais e da soberanía nacional galega.

Rexeite á visita do monarca español
Ademais, a Unión Comarcal deste sindicato este ano fixo máis un chamamento, en vistas da visita do rei español aos estaleiros ferroláns (onde se vai botar o buque meirande da historia da armada española), que é considerada como un insulto e unha provocación.

Segundo o secretario comarcal da CIG en Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, a presenza dos monarcas españois é un agravio á clase traballadora galega e á memoria das vítimas da represión de 1972: "Foi o franquismo quen nomeou o monarca como sucesor", dixo López Pintos.

Ás 18:00 horas vai haber unha concentración, mais á marxe dos actos dos sindicatos, convocada por distintas organizacións independentistas, no Cantón, fronte á porta de Bazán , para rexeitar a presenza do Borbón en Ferrol neste día.

CCOO tamén centra os seus actos en Ferrol
Coas mesmas reivindicacións (emprego de calidade e mellora dos salarios), o sindicato CCOO e a súa Fundación 10 de marzo, tamén ten organizada unha manifestación polas rúas ferrolás, partindo ás 19:00 horas da praza do Inferniño. De mañá xa fixeron unha ofrenda floral na praza do Inferniño.

A CUT, pola contra, centrou as súas reivindicacións deste día en Vigo, onde desenvolveron unha asemblea de delegados e se concentraron ante a sede da Xunta. En Compostela tamén se concentraron, ante a sede da Consellaría de Medio Ambiente.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: