O 8 de marzo celébrase internacionalmente o Día da Muller Traballadora. Tempo de botar a vista atrás e analizar a situación social das galegas.
A voceira da Marcha Mundial das Mulleres en Pontevedra non quixo desaproveitar a ocasión para falar sobre a situación na que actualmente se atopa a poboación feminina. Pilar Álvarez incide na importancia de concienciar a sociedade como primeiro paso para acadar a igualdade entre mulleres e homes.
Temos avanzado moito nos dereitos das traballadoras dende esta mesma data de 1910 na que se instaurou esta celebración, mais aínda queda un longo camiño por percorrer. Cales son os principais obxectivos polos que loitar na actualidade?
O máis importante é seguir loitando pola igualdade. Cáese moito no erro de pensar que coa existencia da igualdade legal, co cumprimento das leis, non existe desigualdade entre homes e mulleres, pero isto non é así. Temos un traballo moi difícil por diante, ademais de no eido laboral, tamén no dos valores. Hai que cambiar a opinión sobre o rol que tradicionalmente se lle outorga á muller. Debemos reivindicar a dignidade feminina e isto pasa tamén por cuestións económicas.
Con isto quero dicir tamén que habitualmente a muller realizou tarefas ás que non se lles dá tanto valor como as realizadas polos homes. O encaixe de bolillos, a calceta, ou o coidado dos nenos son actividades que non están ben vistas como traballo, e temos que dignificalas.
Este cambio nos valores estabelecidos é un traballo moi difícil, porque aínda que sexamos feministas, os nosos valores seguen a ser moi masculinos. Vivimos nunha sociedade androcéntrica cun sistema capitalista dominado polos homes.
Neste 2007 avanzouse nas políticas a prol da igualdade feminina. Comezou a funcionar o V Plan Galego da Igualdade da Xunta, e tamén o Plan Aurora que facilita a incorporación da muller ó mundo laboral. Que supoñen estes avances na loita pola igualdade?
É importante na medida en que os gobernos visibilizan os problemas e buscan medidas para palialos. Despois de admitir a existencia dos problemas, a sociedade é máis consciente da situación e o vai asumindo. Se fose doutra maneira, a xente pensaría que este tipo de cousas non ocorren. Facer medidas deste tipo supón que polo menos se analizou a situación e isto é un salto importante.
A violencia de xénero segue a ser unha das grandes lacras da sociedade, por onde pasarían as posíbeis solucións?
Trátase dunha carreira de fondo. Habería que volver ao tema do cambio de valores da sociedade. Mentres sigamos mantendo as cuestións masculinas como máis dignas e as femininas como menos dignas, a situación non vai cambiar. A nosa educación e a nosa sociedade baséanse en valores masculinos, somos as mulleres as que nos temos que adaptar.
A muller mantén unha submisión con respecto ao home, pero esta situación está a cambiar. A muller non sigue as ordes do home e por iso aumenta a crispación e a agresividade. Tamén o conxunto da sociedade está máis agresivo debido ás reivindicacións femininas. Como digo, solucionar este problema é un traballo de fondo, que require dar pasos pouco a pouco.
E a solución pasa pola educación...
Si, pero non só pola educación que se pode dar na escola, tamén pola educación dos medios de comunicación, nos xogos, e no conxunto da sociedade. Pode haber unha educación de valores, pero se logo no parque os homes impoñen a súa lei ás mulleres e elas a acatan, están a maleducar os nenos, que fan o que ven.
Estamos moi lonxe da paridade?
Si, moi lonxe. Da paridade como igualdade, non só como número real, senón como concepción. Esta é unha cuestión de "guerra", acadar a paridade non é un proceso livián, parece que hai que estar continuamente en loita.
E xa por último, é consciente a muller da situación na que se atopa? E fai algo para cambiar a situación?
Pois a verdade é que non o é. No seu conxunto as mulleres non son conscientes de que se atopan nunha situación de desigualdade, e en moitos casos é por esa concepción que se ten da inferioridade da muller e da menor dignidade das tarefas que realiza.
Por outra parte, individualmente hai de todo. Existen mulleres que non teñen conciencia e que non están dispostas a concienciarse, pero tamén hai outras que saben o que hai e que loitan polos seus dereitos. Ademais existen moitas mulleres que non se deixan pisar, e aínda que non crean nos ideais feministas, coas súas accións si están a loitar polos seus dereitos. É moi importante a actitude.