Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
reforza a oposición de plataformas e ecoloxistas ao plano acuícola

PISCIFATORÍAS: a proposta de reducción de Pesca é decepcionante

O recente anuncio do Director Xeral de recursos Mariños, Sr. Elorriaga, no senso de "suprimir" do Plano Acuícola as instalacións de Touriñán-Muxía, Punta dos Corvos-Corrubedo, e Punta do Corno-Camariñas, alén doutras dúas (ampliacións) e reducir a extensión de 7 máis, só pode ser interpretado como unha burda medida electoralista e demagóxica. A que vén rexeitar piscifatorías como a Touriñán, Punta dos Corvos (Corrubedo) ou Punta do Corno (Camariñas) cando estas instalacións xa non figuraban na proposta de Plano Acuícola? Por certo, que no rexeitamento da de Touriñán ou Ribadeo, tivo máis que ver a mobilización social que a suposta "magnanimidade" da Xunta. As outras "eliminadas" son a ampliación das instalacións do CETMAR para producción en Couso- Aguiño, e a ampliación da de Ardía (Ogrobe) que afectaba á Rede Natura, ambas de pequena extensión. Entre as que se reducen, está por exemplo Seráns-Porto do Son, que xa fora desbotada pola empresa promotora. Outra é a piscifatoría de Foxo Longo, en Ribadeo: desta volta a pretendida reducción non é senón a consecuencia das resolucións xudiciais e da acción de ADEGA, que no seu momento impedíu que o Sr. Álvarez-Cascos perpetrara un atropelo ecolóxico no en pleno LIC As Catedrais. Alén disto, case todas as instalacións afectadas por esta reducción son ademáis de pouca superficie e entidade (o "chocolate do loro"), de xeito que, atendendo aos ditados da patronal, a proposta de Plano Acuícola non muda substancialmente: só reduce menos dun 10% a superficie afectada (225.500 m2) e seguen sendo máis de 3 millóns de m2 de costa virxe os que Pesca agasalla á patronal do peixe plano.

ADEGA - 21:16 05/03/2008
Tags:

En resumo, ningunha novidade con respeito a un Plano Acuícola do que a Consellería de Pesca xa dixera que "non se ía mover". Neste senso, a proposta anunciada polo Sr. Elorriaga alén de insuficiente, é insultante e demagóxica: preténdese facer crer á sociedade que se está a negociar e a ter en conta as demandas dos colectivos afectados cando a realidade é que as instalacións cun impacto ambiental máis negativo e maior rexeitamento social non se moven (mesmo en Rede Natura como Quilmas e Lira, alén da monstruosidade da Laxe Brava, en Corrubedo). Como pode a Conselleira verder esta planificación como a máis ecolóxica cando segue a cementar o litoral con 3 milóns de m2 ou que é a máis beneficiosa socialmente cando nen se quera se dignou recibir e escoitar as demandas das máis de 6.000 persoas que nos manifestamos en Corrubedo? É evidente que en ningún momento houbo intención algunha de negociar o Plano Acuícola, como non fora cos representantes da patronal, para a que a Sra. Gallego actuou e está a actuar como axente comercial. Onde fica o dereito á participación da sociedade no deseño das políticas sectoriais, considerado pola UE como garante dunha planificación e desenvolvemento transparentes? Por iso, se non nos escoitan teremos que facer ouvir a nosa voz, por moito que ao Sr. Elorriaga lle parezamos un pequeno "grupo itinerante de alborotadores e violentos". Con estas afirmacións, estase a insultar a un amplo sector da cidadanía galega que demanda máis sensibilidade cos noso patrimonio natural e maior transparencia na súa xestión.

            O Sr. Elorriaga e a Consellería de Pesca están moi errados se pretenden arranxar con estas ridículas medidas a desfeita dun Plano Acuícola insustentábel polos seus plantexamentos, non só pola ubicación desta ou daquela instalación. E como o que cuestionamos son os criterios que inspiran a totalidade deste Plano Sectorial, seguimos esixindo a súa retirada. Fronte á maquillaxe eleitoral que supón esta nova proposta de Pesca, ADEGA e os colectivos sociais contra o Plano Acuícola seguimos pulando pola retirada definitiva do conxunto do proxecto e a apertura dunha mesa de negociación con representación dos movementos sociais, patronal e administración.

           Cómpre facer tamén mención á postura do PP, que pretende aparecer agora como máximo defensor do litoral asumindo as demandas das plataformas e dos ecoloxistas. Hai que ler a letra pequena: o PP propugna retornar ao seu Plano de Parques de Tecnoloxia Alimentaria (Touriñán, Rinlo e 11 macroplantas máis en Rede Natura), o que supón un proxecto aínda máis delirante e depredador que o insustentábel Plano Acuícola actual. Outro exemplo de desvergoña, demagoxia e populismo eleitoralista da pior calaña.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: