Dous de cada tres profesores son mulleres, pero máis da metade dos centros educativos están dirixidos por homes
O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao e a Secretaria da Muller da CIG, Dores Fernández, presentaron as conclusións dun estudo sobre a participación das mulleres na dirección dos centros educativos, facendo unha comparativa entre o número de mulleres docentes e o número destas mulleres que ocupan as ditas direccións. En concreti, dous terzos do profesorado non universitario galego son mulleres, unha proporción que é superior no ensino infantil e primario (77%). Porén, o 54% dos centros ten como director a un home.
Estas porcentaxes son aínda máis rechamantes se contabilizamos por separado os centros de Ensino Infantil e Primario e Centros Públicos Integrados (son o 77% e ocupan o 51% das direccións) e o resto das ensinanzas (son o 64% e ocupan o 38% das direccións).
A CIG-Ensino dirixiuse á Consellaría de Educación para solicitarlle a aplicación da Lei do traballo en Igualdade e para pedirlle que, ademais, dea un paso adiante na negociación dun Plan de Igualdade propio. Finalmente, piden a convocatoria dunha Comisión de igualdade de xénero, onde as organizacións sindicais con representación no ensino público poidamos participar na elaboración das diferentes fases previas á elaboración do mencionado plan.