Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Asistencia a vítimas e limpeza de terreos

Un salto adiante cara á prohibición das bombas en acio

A conferencia de Wellington acabou cunha declaración que regulamenta a prohibición destas armas.

Ariadna Gálvez / Canal Solidario - 09:00 03/03/2008

Oitenta e dous países asinaron xa a chamada Declaración de Wellington, un borrador do tratado de prohibición de bombas de acio que será sometido a negociacións formais en Dublín, o próximo mes de maio. O texto foi asinado pola maioría de países asistentes á Conferencia de Wellington, Nova Zelandia, que se celebrou do 18 ao 22 de febreiro. Esta conferencia é o penúltimo encontro do Proceso de Oslo, iniciativa internacional que traballa para crear un tratado que prohiba as bombas en acio. As ausencias notables en todo este proceso son as dos grandes produtores de armamento como EEUU, China, a India e Paquistán. Rusia tampouco participa directamente no proceso, pero ten un papel de observadora.

Greenpeace e as entidades que forman a Coalición contra as bombas en acio en Barcelona, Comissió Catalá d'Ajuda ao Refugiat, a Fundació per a Pau, Justícia i Pau e o Moviment per a Pau, mostráronse moi satisfeitas polo acordo ao que se chegou, pois consideran que "o texto do borrador non se rebaixou durante esta reunión crucial".

Logo de cinco días de reunión, houbo un amplo consenso sobre o texto dos artigos que fan referencia á asistencia das vítimas, limpeza de áreas contaminadas por submunicións sen detonar e destrución de arsenal. As propostas dalgúns países, por exemplo Francia, Reino Unido e Dinamarca, que pretendían diluír o texto, non foron recollidas no borrador, por falta de apoio.

As cuestións máis polémicas e discutidas foron as excepcións ao tratado para algún tipo de bombas en acio (con determinadas características técnicas), os períodos de transición nos que, a pesar de que se prohibiu, aínda se podería utilizar este tipo de armamento, e o uso de bombas en acio en operacións militares realizadas conxuntamente con países que non sexan parte do tratado. Todas estas preocupacións e dúbidas foron recompiladas nun documento adxunto que será discutido en Dublín, pero que ten menos peso que o texto do tratado.

O Estado español, que produce e almacena este armamento, asina a Declaración
A Coalición contra as bombas de fragmentación de Barcelona (CMC Barcelona) e Greenpeace tamén quixeron felicitar o goberno español por ter asinado a declaración de Wellington. As entidades consideran que este é un paso positivo, que está en consonancia co compromiso de apoiar todas as iniciativas dirixidas á prohibición das bombas en acio (expresado no texto da Lei de Comercio de Armas, aprobada o pasado mes de decembro).

Malia este paso adiante, a insistencia da delegación española na necesidade de consenso e en que se teñan en conta as preocupacións dalgúns países en relación ás excepcións que poida contemplar o Tratado, mantén en alerta ás organizacións, pois consideran que representa un "retroceso na súa posición respecto da última conferencia" celebrada en Viena.

Actualmente, o Estado español é un dos países que produce e almacena bombas de dispersión. A presenza de municións de dispersión dáse no exército do aire, que posúe os modelos CBU-100B (Rockeye), importados dos Estados Unidos, a antipista BME-330 e a granada de morteiro MAT-120, as dúas de fabricación estatal. Unha vez finalizado o Proceso de Oslo, e en consecuencia con todos os acordos adoptados polo goberno español, a fabricación, o uso e a almacenaxe de bombas en acio quedarán prohibidos no Estado español.



Que Podo Facer eu?
Podes consultar a páxina web da campaña e asinar o manifesto ou facer difusión da iniciativa. Tamén te podes pór en contacto coas entidades organizadoras: Comissió Catalá d'Ajuda ao Refugiat, a Fundació per a Pau, Justícia i Pau, o Moviment per a Pau ou Greenpeace.

Máis información:
Conferencia de Wellington
Proceso de Oslo Comissió Catalá d'Ajuda ao Refugiat
Fundació per a Pau
Justícia i Pau
Moviment per a Pau
Greenpeace
Aproban definitivamente a Lei de Comercio de Armas
Menos emisións, control de armas e dereitos dos migrantes nos programas políticos, ¡xa! A loita contra as bombas de acio, desde España ata Wellington
Finaliza a Conferencia de Viena: tímidos pasos cara á prohibición das bombas de acio
Tamén podes ler outras noticias relacionadas con Armas publicadas no Canal Solidario


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: