A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra reuniu máis de 4.000 alegacións contra a concesión de Autorización Ambiental.
O temor e a "sospeita" de que a Consellaría de Medio Ambiente puidese concederlle a ENCE a Autorización Ambiental Integrada para o complexo industrial de Lourizán, está na orixe da máis recente das campañas promovidas pola Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, APDR.
O colectivo insiste en que existen "razóns abondo" para que a Xunta sexa firme na negativa á empresa e advirte que de ir adiante o permiso trataríase dunha "ilegalidade" contraria ademais ao acordo programático asinado por socialistas e nacionalistas.
Para recordarlle ao Goberno o amplo consenso social respecto ao rexeitamento á consolidación do complexo Ence-Elnosa na súa actual localización, a APDR iniciou recentemente unha recollida de alegacións. A campaña remate este sábado 1 de marzo, coa instalación dunha mesa pública ante a delegación da Consellaría de Medio Ambiente, de 11h30 a 12h30 horas, onde se recollerán as últimas sinaturas de cidadáns. A asociación confía en que este novo exemplo de presións social acelere a promesa do executivo de iniciar o traslado do complexo. Segundo a APDR, a Xunta mantén na actualidade unha actitude "timorata" ou mesmo "de sometemento aos intereses empresariais".