Roteirríos é un programa de itinerarios organizado polo Proxecto Ríos que pretende unir ríos e persoas. Continuamos coa andaina iniciada o ano pasado tentando achegar os cursos fluviais á cidadanía nun ambiente lúdico, así como dar a coñecer o patrimonio natural, cultural e social asociado. Ríos + Rede Natura: na edición de 2008 ímonos achegar a ríos que estean incluidos na Rede Natura, para coñecer os seus valores e as súas ameazas: LIC río Tambre (8 de marzo); LIC Parga-Ladra-Támoga (26 de abril); LIC Macizo Central (24 de maio). |
Galiza, o país dos mil ríos, agocha un patrimonio fluvial extenso e diverso que merece ser coñecido e posto en valor. Son numerosos os ríos que polo seu valor dan nome a un LIC, ou os espazos fluviais que forman parte dun conxunto de ecosistemas e pertencen á rede de espazos protexidos. Como mostra, os tres que imos coñecer. Ademáis os ríos constitúen corredores ecolóxicos que poñen en comunicación diversos espazos naturais funcionando como reservorios de biodiversidade.
A quen vai dirixido?: Roteirríos vai dirixido a toda a cidadanía, tanto aos participantes no Proxecto Ríos como a aquelas persoas interesadas en coñecer o noso patrimonio fluvial. Nos roteiros poderán participar maiores de idade ou menores acompañados dalgún familiar.
Prazas e preinscrición: As prazas para os roteiros son limitadas, ao entendermos que un grupo reducido axudará a coñecernos mellor, facilita o achegamento á zona e causa un menor impacto no espazo visitado. O Proxecto Ríos financia unha parte dos roteiros, sendo 6€ o prezo a desembolsar polos participantes.
Programa: Todos os percorridos realizaranse en autobús. A saída está programada as 9:00h da estación de Santiago de Compostela, e a hora de chegada será á tardiña (pódense mudar horas ou, en caso de mal tempo, adiar algunhas das datas).
É necesario levar comida, auga, calzado cómodo e... un sorriso.
Se queres participar inscríbete e envíanos a túa solicitude a: ProxectoRíos. Travesa de Basquiños, 9 Baixo CP 15703 Santiago de Compostela; ou ben na páxina web, por correo electrónico ou por teléfone: 981 570099 Móbiles: 650 261283 627 628194.