Organizadas polos colectivos Amarante, A Esmorga, Amigos da Terra, Semente e Verdegaia, as actividades desenvolveranse dende o 26 de febreiro até o 14 de marzo en Ourense.
Estas xornadas van ter de todo, e nelas poderase coñecer as experiencias das cooperativas e grupos de consumo responsábel do país, así como de consumidores e agricultores da agroecoloxía.
Tamén se vai falar do comercio xusto e a sustentabilidade social e económica que trae parella. Haberá obradoiros de ecoteatro, palestras sobre cociña ecolóxica nos colexios ou sobre as ecoaldeas e a permacultura e sobre autoxestión e ecoloxía nas actividades do día a día.
Tamén un chisco para a música
Ademais das palestras, os obradoiros e os debates abertos, vai haber tempo para a música. Están programados dous concertos: un o día 1 de marzo cos grupos Coanhadeira e Quempallou; e outro o día 8 con Ergom e O Sonoro Maxín.
Terminan o día 14 cunha charla da escritora galega Teresa Moure, quen defenderá o modelo social que propón a agroecoloxía e o compromiso coa natureza.
Pódese consultar o programa enteiro das xornadas (horarios, lugares e actividades) na web Agrourense.info.