Máis de 200 intelectuais galegos xuntáronse na súa vila para facerlle unha homenaxe ao xenial pintor do Deza, que este sábado faría un cento de anos.
Ao tempo de lembrar a figura de Laxeiro, os presentes na homenaxe reclamaron que a "súa obra indiscutíbel" ocupe "o lugar que merece no ámbito cultural español e universal".
Os asistentes, ademais, describiron un retrato humano e próximo do artista, cheo de anécdotas de quen o coñeceu e o tratou, e referencias ao seu carácter artístico, do que Isaac Díaz Pardo, tamén presente na cerimonia, dixo era parecido "en amor a Galiza e tendencia universalista" ao de Castelao.
Para que o 23 de febreiro sexa declarado "Día da Arte Galega"
Esta foi a principal reivindicación do presidente de Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, quen subiu á palestra para falar da figura de Laxeiro, como o fixo o ministro español de Cultura, César Antonio Molina, quen lembrou, polo seu lado, as conversas que "adoptaba manter" no Café Gijón co pintor.
A conselleira de Cultura e Deporte Ánxela Bugallo, tamén presente, eloxiou que Laxeiro fose sempre un "pintor moi enraizado no seu país" e que, de xeito "autodidacta" conseguise fusionar "o máis clásico galego con máis universal".
Após ler un poema escrito para o pintor por Antón Lamazares, o acto de homenaxe terminou coa actuación do gaiteiro Xosé Manuel Budiño e a cantante Uxía Senlle, na memoria de Laxeiro.