O concello lugués será o primeiro do Estado en quedar sen televisión tradicional, o 5 de abril.
O primeiro apagamento analóxico do Estado terá lugar o 5 de abril na Fonsagrada. Así o anunciou este mércores o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Xosé Fernández Iglesias, que asinou un protocolo de desenvolvemento dun plan piloto de cobertura da TDT co alcalde, Arxelio Fernández Queipo. A Secretaría Xeral de Comunicación entregoulle ao concello 1.000 descodificadores, que o concello repartirá a partir do 10 de marzo entre as familias da Fonsagrada, para que ninguén quede sen o servizo en abril. Segundo Fernández Iglesias, a entrega dos dispositivos pretende "fomentar a transición á tecnoloxía dixital" e que "os cidadáns conten cun incentivo para dixitalizarse". O plan piloto de adianto do apagón conta cun orzamento de 305.000 euros.
Para promover o cambio á nova tecnoloxía, repartiranse folletos deseñados polo humorista gráfico de orixe fonsagradina Antonio Fraguas 'Forges'. Neles, infórmase de todos os pasos precisos para adaptarse á TDT, e pon á disposición dos veciños o teléfono 981 572 154.
A Fonsagrada foi seleccionada para desenvolver o plan piloto polas dificultades que supoñía levar até alí a nova tecnoloxía: é o municipio máis extenso do país e un dos que contan coa poboación máis dispersa: 4.993 habitantes repartidos en máis de 200 núcleos.