Segundo o mapa previsto, Galiza pode contar coa autorización para o dominio de seu en internet xa na altura do Día das Letras do ano que vén.
De seguiren os prazos tal e como están marcados, na altura do Día das Letras de 2009, data que coincide do Día de Internet, Galiza tería escusa para unha dobre celebración. Unha festa posíbel onde se uniría lingua e novas tecnoloxías, idioma e modernidade, e un país máis nítido no mapa da rede.
Os prazos que a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers, a ICANN, estabeleceu en Los Angeles non parecen ir cambiar de momento. Logo da xuntanza de París a finais da primavera, abriríase o proceso de alegacións arredor dos requirimentos e do método de aprobación dos novos dominios. Superado ese chanzo, a probábel xuntanza n'O Cairo en outono iniciaría o prazo de presentación de candidaturas. Deste xeito, á volta de xaneiro saberíase as propostas aceptadas pola ICANN, comezando así o proceso de negociación de cada unha das candidaturas admitidas. De ir adiante todo o camiño sen atrancos, en outono de 2009 poderían comezar a rexistrarse dominios coa forma .gal.
O Punto Gal insta a ICANN a non atrasar o proceso
Así e todo, malia o optimismo da Asociación Punto Gal, as burocracias do organismo regulador poderían facer que o proceso non fose nos prazos previstos. Por este motivo, a delegación galega na xuntanza de Nova Delhi rexistrou tres preguntas no pleno.
En primeiro lugar, Punto Gal solicita que se aclare se definitivamente se mantén o calendario previsto. Outra cuestión a resolver é a confirmación de que non haxa cambios, ou cando menos non demasiados cambios, ao respecto dos requirimentos iniciais. En terceiro lugar, o colectivo tamén preguntou arredor da política da ICANN sobre os custos dos novos dominios.