A directiva de PuntoGal participa en Delhi no encontro da executiva mundial de Internet cunha petición directa: Queremos o dominio galego axiña.
Folleto que presenta PuntoGal na xuntanza da ICANN
A Asociación PuntoGal xa se atopa na primeira reunión da ICANN deste ano, que se está a desenvolver na capital India, Nova Delhi. Espérase que na xuntanza se discuta o calendario definitivo que deberán seguir as candidaturas para os dominios de primeiro nivel e as condicións que deberán cumprir.
PuntoGal conta con dous obxectivos: por unha banda, seguir a dar a coñecer e a recabar apoios entre os membros da ICANN e, por outra, trasladarlle unha mensaxe contundente: o dominio .gal é moi importante para a lingua e a cultura galegas e por tanto precísase contar con el o antes posíbel.
A ICANN realiza tres grandes reunións cada ano. A próxima terá lugar en París na primavera. PuntoGal xa estivo presente no ano 2007 nas xuntanzas de Lisboa, San Xoán de Porto Rico e Los Angeles.