Os axentes tamén rexistraron locais de ANV e do PCTV-EHAK
Karmelo Landa é un dos detidos
Axentes de policía, baixo ordes directas da Audiencia Nacional, detiveron na madrugada deste luns a catorce dirixentes de Batasuna. O xuíz Baltasar Garzón acusa a estes militantes da esquerda abertzale de formar parte da nova executiva da organización política. Entre os detidos están antigos membros da Mesa Nacional de Batasuna como é o caso de Mikel Etxaburu, Karmelo Landa, Eusebio Lasa, Aitor Aranzabal e Karmele Ayerbe. Os policías tamén entraron en locais de ANV e do PCTV-EHAK en Barakaldo, Iruña e Belartza.
Segundo recolle Europa Press, aos detidos impútanlle delitos de integración ou colaboración cunha organización armada. A operación desenvólvese a menos dun mes das eleccións xerais e logo de que a pasada semana o mesmo xuíz, Baltasar Garzón, decretase a suspensión de actividades de ANV e PCTV-EHAK.