Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Mobilizacións nas principais cidades de Euskadi

Milleiros de persoas saen á rúa en protesta pola detención dos líderes da esquerda abertzale

O aínda secretario xeral do PSOE en Estremadura, Juan Carlos Rodríguez Ibarra, propón "suspender a autonomía" de Euskadi se Ibarretxe non renuncia ao referendo.

Redacción - 09:30 07/10/2007

As manifestacións máis grandes tiveron lugar en Donostia e Bilbo, mentres que unha marcha máis pequena recorreu tamén as rúas de Gasteiz. Os únicos incidentes producíronse na capital navarra, en Iruñea, onde a delegación do goberno español en Nafarroa negou a autorización para a convocatoria. Xa que centos de cidadáns se concentraran igual na zona da saída, a manifestación rematou cunha carga da policía no intento de disolvela.

Por outra parte, a detención dos 23 dirixentes de Batasuna conseguiu unha inédita mobilización de simpatizantes da esquerda abertzale, de xeito que en conferencia de prensa en Donostia, arredor dun cento de persoas que nas últimas tres décadas tiveron responsabilidades diversas nalgunha das formacións deste ámbito ideolóxico apoiaban unha declaración en favor dos detidos. Neste acto, Pernando Barrena, voceiro de Batasuna, interpretou como unha "declaración de guerra" do goberno español cara ao "movemento independentista vasco" o acontecido esta semana.

Ibarra e Guerra piden suspender a autonomía vasca
Por outra parte, e ao fío da intención do lehendakari de convocar unha consulta aos cidadáns nos próximos meses, desde o ámbito do PSOE aparecían nos últimos días dúas pouco diplomáticas reflexións. A primeira, a de Alfonso Guerra, na actualidade presidente da Comisión Constitucional do Congreso. Nun artigo na revista Tiempo, Guerra propuxo que se a convocatoria da consulta seguía adiante o Estado debe "repoñer a legalidade" e aplicar o artigo 155 da Constitución, é dicir "adoptar as medidas necesarias para obrigar o cumprimento forzoso das devanditas obrigas". Na práctica a insinuación de Guerra sería a suspensión da autonomía en Euskadi.

Máis explícito ao respecto se amosou o ex presidente do goberno estremeño, e aínda secretario xeral do seu partido en Estremadura, Juan Carlos Rodríguez Ibarra. O ex barón socialista insistiu este sábado en que de non retirar o lehendakari o que el considera unha "ameaza" de celebración de referendo, debería suspenderse a autonomía vasca.

Alec Reid, decepcionado coa situación
O crego irlandés que no seu momento foi clave para o impulso do proceso de paz na súa terra e que mediou tamén en diversos momentos no conflito vasco, Alec Reid, rachaba esta semana o seu silencio dos últimos tempos para avaliar negativamente a situación creada con esta detención.

"É unha loucura política", analiza Reid ao respecto da decisión de arrestar os líderes independentistas. Na súa opinión, expresada para os diarios Berria e Gara, non é posíbel avanzar na resolución do conflito pretendendo facer desaparecer da ecuación unha parte "imprescindíbel".

Recomendámoslles ampliar en Gara o Diario Vasco e a EiTB24.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: