Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise

Israel entrará na OCDE "se os movementos de solidariedade non o impiden"

"O capitalismo premia e ve 'normal' a ocupación israelí", reflexiona Santiago González, do Centro de Estudos Políticos para as Relacións Internacionais e o Desenvolvemento.

Santiago González - CEPRID - 12:00 09/02/2008
Tags: Israel OSCE

O pasado día 15 de maio de 2007, o portavoz rotatorio da Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE) Pedro Solbes, vicepresidente do goberno español, anunciou na sede en París da organización, a invitación a formar parte da mesma a cinco países: Chile, Eslovenia, Estonia, Israel e Rusia.

A OCDE é un club dos Gobernos capitalistas dos 30 países (1) con maior renda per capita, que orienta normas de comportamento común baixo a norma do neoliberalismo.

Pero nestes tempos nos que se queren camuflar atropelos e vulneración dos dereitos humanos baixo o paraugas de "democracia" nin sequera houbo reparos á contradición de aceptar a existencia de ocupacións manu militari, con todo o que iso supón de colonialismo e crimes sen conto, segregación interna con parte da poboación non xudía, para que eses trinta países, por consenso e unanimidade, apoien o ingreso de Israel na OCDE. Isto é semellante ao Tratado Preferente entre a Unión Europea e Israel ou o recente de libre comercio entre os países do Mercosur e Israel, onde se acepta por parte da Comunidade Internacional como "normal" que o Estado israelí ocupe militarmente, colonice e mate e se manteñan ou amplíen excelentes relacións con ese "socio", e iso que di defender uns valores democráticos e de dereitos humanos.

Ángel Gurría, o actual Secretario Xeral da OCDE, visitou Israel para preparar o ingreso do país na OCDE, entre os días 31 de outubro e 4 de novembro. Pasou polo Territorio Ocupado de Xerusalén e sen obxectar nada que se saiba, tivo entrevistas co Primeiro Ministro israelí, Olmert, dun Goberno de coalición entre os partidos Kadima, Laborista e o declarado racista Lieberman, que asina periodicamente novos asentamentos ou a ampliación do Muro do Apartheid. Na Conferencia do Primeiro Ministro para a Exportación e para a Cooperación Internacional organizada polas autoridades israelís, eloxiou a Israel como un modelo a imitar por outros países no camiño para prepararse no acceso á OCDE, ao ser o único país que publicou un libro "Israel está listo para a OCDE". Reclamou a independencia do Banco Central de Israel con respecto ao Goberno, unha maior competitividade bancaria, pasou por encima da situación de opacidade fiscal e as sospeitas de prácticas de paraíso fiscal, -que coincide con ser o cuarto exportador mundial de armas-, desatendeuse da lexislación interna israelí que considera made in israel o producido colonialmente en territorios ocupados, ou o espolio de recursos dos mesmos e finalmente sinalou que "Nós vemos a asociación de Israel á OCDE como un triplo triunfo nas relacións. Israel gaña, gaña a OCDE e gaña a economía mundial", "A membresía de Israel na OCDE ensanchará e enriquecerá a nosa organización con perspectivas culturais diferentes e axudará a realizar un mellor traballo para a mellora da economía mundial".

Tamén precisou que "Hai unha Folla de ruta (2) para o acceso e non hai ningún atallo. Non hai ningunha présa e non hai ningún prazo límite", aínda que se presume que no ano 2009, dado que por consenso e unanimidade, ningún Goberno da OCDE puxo obxeccións políticas, como se demostra, por exemplo, na resposta parlamentaria do goberno español (3). Tampouco houbo obxeccións por parte de organismos consultivos como o que agrupa aos sindicatos dos países membros da OCDE, como o TUAC, que non quere asumir as súas responsabilidades, sendo tabú criticar a política vulneradora dos dereitos humanos israelís e considera que se Israel entrase na OCDE (e automaticamente na TUAC) a pesar do escándalo que Histadrut, o sindicato israelí, xerou ao Ministro de Defensa que invadiu Líbano o ano 2006, Peretz, non critica a ocupación, convive con ela e considera que non existe discriminación cara á poboación israelí non xudía.

O curioso, do mesmo xeito que o artigo 2 do Tratado Preferente entre a UE e Israel estabelece a suspensión do mesmo no caso de que unha das partes vulnere os dereitos humanos e o dereito internacional, é que entre os puntos desa Folla de ruta, os puntos 4 e 5 din textualmente:

4. O Consello reafirma que a calidade de membro da OCDE implica a aceptación de valores fundamentais que os países candidatos deben compartir. Estes valores fundamentais, que constitúen o acervo da comunidade dos Membros, foron expresados en comunicados diversos e ministeriais da Organización. A aceptación destes valores e do conxunto estabelecido de instrumentos, normas e criterios da OCDE é requirida para facerse Membro.

5. Entre estes valores fundamentais figuran o apoio a unha democracia pluralista asentada sobre un estado de dereito e o respecto dos dereitos humanos, a adhesión aos principios dunha economía aberta e transparente de mercado e o obxectivo común de desenvolvemento sostíbel.

Dado que os dereitos humanos e o respecto e cumprimento do dereito internacional son moldeables ao gusto desa comunidade capitalista de valores non se debe esperar que os Gobernos da OCDE obxecten que Israel polo simple feito de ser potencia ocupante e colonial non cumpre, nin respecta os dereitos humanos e o dereito internacional. A situación discriminatoria que sofren, entre outros, árabes israelís no traballo, vivenda e educación desde hai 60 anos, polo visto, non a viron tantos observatorios e expertos que cando viaxan a Israel deben ser doutro mundo.

Só actividades de presión dirixida a cada un dos gobernos, denunciando a distancia entre as palabras e os feitos, a contradición de considerar como "normal" a ocupación, a colonización, a pillaxe e o crime, poderán frear este atropelo á razón e á xustiza.

Notas
1.- Alemaña, Australia, Austria, Bélxica, Canadá, República Checa, Corea, Dinamarca, Eslovaquia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Islandia, Italia, Holanda, Xapón, Luxemburgo, México, Noruega, Nova Zelandia, Polonia, Portugal, Reino Unido, Suecia, Suíza e Turquía.
2.- http://www.olis.oecd.org/olis/2007doc.nsf/LinkTo/NT00004872/$FILE/JT03237381.PDF
3.- http://www.nodo50.org/csca/axenda07/palestina/arti35.html


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: