A dirección xeral de Turismo e Turgalicia presentaron o Plan de Acción para apoiar a comercialización dos produtos típicos das empresas galegas.
O Plan de Acción de Turgalicia, que apoia a comercialización dos produtos turísticos das empresas galegas, inclúe neste 2008 un total de 80 programas con 350 actuacións, o que supón case unha por día do ano. Segundo indicaron o director xeral de Turismo, Rubén Lois e o xerente de Turgalicia, Xesús Pereira, neste ano, ademais das habituais apostas polo Camiño de Santiago e polo turismo rural e termal, están a apostar polo turismo idiomático e polo atraído polo golf.
O turismo idiomático é, segundo Lois, unha "demanda turística que crece" nun momento no que están en auxe actividades de ocio vinculadas a todo o que teña que ver coa formación complementaria. Tamén tratarán de ampliar a oferta turística coa promoción de actividades coma o golf.
Para acadar un aumento nas pernoctacións en Galiza, o Plan de Acción de Turgalicia ten como obxectivo o reforzo das marcas existentes e que xa resultan favorábeis, como é o caso do Camiño de Santiago, ou o turismo rural como opción para aqueles que foxen da saturación e buscan algo novo que fóra da oferta de sol e praia. Incidirase sobre todo en Galiza como destino "atlántico", vinculado ao descanso que ofrece a paisaxe, os balnearios, as nosas rías ou a nosa gastronomía.
Necesidade de mellorar a imaxe de marca
A pesar de que o plan introduce accións innovadoras que inclúen a ampliación da nosa presenza en feiras fóra do espazo europeo, como Xapón ou o norte de América, Rubén Lois indicou que é necesario mellorar a imaxe de marca do noso turismo, adaptándoo ao século XXI.
A loita contra os estabelecementos ilegais e alegais é outra das prioridades de Turismo para o 2008. Durante este ano endureceranse as accións de persecución e sanción para todos estes locais, segundo indica Rubén Lois, "por enganar a clientela e deteriorar a imaxe de Galiza de cara á cidadanía e ao turismo que vén do exterior".