A proposta do vicepresidente pasa por unha circunscrición específica, voto en urna e control das campañas electorais na diáspora.
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, propúxolles este venres ao PSdeG e ao PPdeG que nos primeiros seis meses da próxima lexislatura presenten unha iniciativa conxunta para reformar o voto emigrante. Deste xeito, segundo Quintana, evitaranse polémicas como a xurdida pola viaxe de Alberto Núñez Feijoo á Galiza exterior.
O responsábel da Vicepresidencia pediulle, ademais, explicacións ao dirixente do PPdeG pola entrega dunha acreditación de subvención da Deputación de Pontevedra ao Centro Galego de México. Para evitar este tipo de "escándalos", propuxo que as tres forzas presentes actualmente no Parlamento se comprometan a presentar conxuntamente "unha proposta de modificación legal para solucionar o tema do voto emigrante".
Quintana avoga por crear "unha circunscrición electoral específica para eles, a regulación das campañas electorais coas mesmas limitacións e controis que se teñen no interior e ir a un método de votación en urna". Tamén pediu que o compromiso se materialice e se lle faga saber á cidadanía antes das eleccións do 9 de marzo.