Enrique Banet e Mabel Rivera estrean o seu novo documental, en apoio de SOS Courel.
Namche Films constituíuse hai uns meses para realizar documentarios de contido social. Xa produciu O salario do silencio, centrado na defensa da Ría de Ferrol e na crítica á instalación de Reganosa no seu interior. Agora presentan Unha lousa sobre o Courel, que denuncia a destrución deste espazo natural, o despoboamento das súas aldeas, e a instalación de canteiras en lugares protexidos. No primeiro vídeo Xan do Vilar canta contra o abandono do Courel e a "depredación económica e política" que está a sufrir a zona, en palabras de Banet.
Nestes momentos Namche Films está preparando outros traballos audiovisuais, centrados no Parque Medioambiental do Ribeiro, os PXOMs de varios concellos galegos, as granxas mariñas de produción de peixe, os lumes forestais, así coma a segunda parte de O salario do silencio.
O documental Unha lousa sobre o Courel preséntase este venres no Clube Internacional de Prensa, en Compostela, coa presenza de Enrique Banet e Mabel Rivera, responsábeis de Namche Films, e de Orlando Álvarez e Ramón R. Riós, representantes de SOS Courel.