Segundo a investigación encargada ao Seprona, tanto a empresa como o organismo público tiñan que vixiar o nivel da auga do encoro da Fervenza.
O encoro da Fervenza, practicamente seco / Flickr: Estribiyo
O titular do Xulgado de Instrución número 2 de Corcubión chamou a declarar como imputados pola morte masiva de peixes no encoro da Fervenza o 10 de novembro dous responsábeis de Ferroatlántica e outros dous de Augas de Galicia. Por unha banda, foi citado o conselleiro delegado de enerxía da empresa de Villar Mir, José Luis González-Haba e mais o xefe de explotación da compañía e, pola outra, o director xeral de Augas de Galicia, Xosé Luís Romero, e outro cargo do mesmo organismo.
O xuíz considera que a Administración non controlou os niveis de auga do pantano, o que provocou a morte dos peixes por falta de osíxeno, mentres que a compañía privada foi responsábel do baleirado do encoro. A decisión xudicial produciuse un mes despois de que rematase a investigación encargada polo xuíz ao Seprona. Analizouse tanto se Ferroatlántica xestionou correctamente o nivel de auga da Fervenza como se Augas de Galicia tiña a obriga de controlar a empresa.
Segundo informa La Voz de Galicia, a investigación do Seprona concluíu que a Xunta vixía periodicamente os niveis dos encoros a través dos seus boletíns hidráulicos, polo que debería estar ao tanto do nivel alarmantemente baixo da Fervenza, que provocou a morte dos peixes. Tamén chegou á conclusión de que o desastre ecolóxico se podería evitar se se tomasen medidas a tempo. As declaracións dos imputados terán lugar a mediados do mes de marzo.