Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A empresa di que seguiu instrucións do goberno galego

A Xunta actuará contra Ferroatlántica pola morte de milleiros peixes no Xallas

Xa se recolleron 1.500 troitas e escalos mortos dende o sábado, ao non ter a presa de Fervenza a auga suficiente para que sobrevivan. A empresa de Villar Mir volve estar no punto de mira.

Redacción - 19:15 12/11/2007
As cuncas do Xallas e do Grande son explotadas por Ferroatlántica / Imaxe tirada da súa web

As cuncas do Xallas e do Grande son explotadas por Ferroatlántica / Imaxe tirada da súa web

O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, anunciou na segunda feira que o seu departamento se vai persoar na causa aberta contra a empresa Ferroatlántica (do Grupo Villar Mir), para investigar a morte de milleiros de peixes ao baixar o caudal do encoro de Fervenza (Dumbría), na cunca do río Xallas.

Os peixes comezaron a aparecer mortos o pasado sábado, ao baixar considerabelmente o nivel da auga no encoro da Fervenza, mentres que o resto de presas, situadas río arriba, si tiñan auga.

Contra a empresa do Grupo Villar Mir
A Xunta vai estar pois, de "parte interesada" en todas as dilixencias previas na causa, dado o dano ambiental que provocou sobre a fauna piscícola que se secase o embalse meirande da provincia da Coruña.

A Consellaría de Medio Ambiente e o Seprona xa teñen abertas, ademais, senllas investigacións para determinar o grao de responsabilidade de Ferroatlántica neste desastre ecolóxico. As primeiras hipóteses dos técnicos vinculan o descenso da auga na presa, ademais da falta de choivas, a que as comportas foron abertas.

Ferroatlántica asegura non ter aberto as comportas
O director de enerxía de Ferroatlántica en Dumbría, Román Lozano, dixo na segunda feira que a súa empresa seguiu "en todo momento" instrucións da Xunta (por medio de Augas de Galicia) e negou ter aberto as comportas de Fervenza.

Lozano, que figura como imputado na investigación (xa declarou o pasado sábado no Xulgado de Corcubión), subliñou que a concesionaria do embalse "sempre" mantivo os caudais ecolóxicos ordenados por Augas de Galicia e que a Xunta "estivo informada eficientemente, día a día" da evolución. Así, explicou que "o 28 de setembro parouse toda a central", de xeito que ese día se interrompeu definitivamente a xeración eléctrica, tras dúas semanas nas que se empregou "só o 25% da súa capacidade". Despois, dende o el 16 de outubro, "a reserva foi empregada para manter o caudal ecolóxico", que "regula a Xunta", insistiu Lozano.

Milleiros de peixes mortos
Xa se teñen recollido no Xallas, dende o sábado, entre 350 e 400 quilos de troitas e escalos mortos. Conseguiron salvarse 27 exemplares que foron trasladados á piscifactoría de Sobrado, mentres que hai uns 18 peces que sobreviviron que poderían volver ao Xallas, se aumenta o seu caudal.

O equipo técnico integrado por 16 persoas avalía a situación actual do caudal fluvial, mentres que unha cuadrilla de oito persoas traballa na recuperación dos peixes, (a meirande parte deles, femias).


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Captura da páxina de Ferroatlántica, xusto onde falan da planta de Dubría
Captura da páxina de Ferroatlántica, xusto onde falan da planta de Dubría
Unha imaxe da fervenza do Xallas, situada ao pé do monte Ézaro. Xusto por riba está a presa da Fervenza, xestionada por Ferroatlántica / Flickr: surfercosmovision
Unha imaxe da fervenza do Xallas, situada ao pé do monte Ézaro. Xusto por riba está a presa da Fervenza, xestionada por Ferroatlántica / Flickr: surfercosmovision