No Reino Unido, a posición sobre o tratado abre fendas no Partido Laborista.
O Tratado de Lisboa recibe formalmente esta semana o apoio de Francia sen necesidade de sometelo a un referendo entre os cidadáns. A maioría asegurada polos votos dos deputados da Unión do Movemento Popular, UMP, a formación do actual presidente Nicolás Sarkozy, garanten que a opinión cidadá, que en 2005 tirou abaixo o proxecto de Constitución Europea, non será requirida esta vez. Francia estabelece así unha reforma constitucional que permitirá incorporar a lei de ratificación do tratado de Lisboa sen conflitos xurídicos.
Con todo, o consenso non é total nin á dereita nin á esquerda do espectro ideolóxico francés. A maioría dos representantes do Partido Socialista escolleron a abstención desta volta, malia que varios deputados subliñaron o seu voto en contra criticando que non se faga unha consulta pública ao respecto.
Ao fío do tratado, máis complicada é a situación no Reino Unido, onde no interior do partido do propio primeiro ministro, o laborista Gordon Brown, agroman as queixas pola intención do executivo de evitar ese referendo. O comité disciplinario do Partido Laborista estuda sancións contra catro deputados que tomaron parte estes días nunha campaña a prol da convocatoria dun referendo, á beira da campaña I Want a referendum. Brown mantén a intención de que o Tratado de Lisboa sexa ratificado no parlamento, sen necesidade de consulta directa aos cidadáns. Anteriormente, os laboristas prometeran esa votación pública, pero agora argumentan que despois da última modificación non é necesaria.
Por outra parte, < href="http://www.parlament.ro/index_en.html">Romanía ratificou este luns o Tratado, tamén a través da simple votación no Parlamento. Os romaneses son así o cuarto Estado membro da Unión Europea que ratifica o documento acordado en Lisboa o pasado 13 de decembro. Anteriormente xa o fixeran Hungría, Eslovenia e Malta.