No entanto, medrou por debaixo da media estatal, 6,2%, e descendeu con respecto ao ano pasado.
Durante o mes de xaneiro, o número de persoas inscritas nas oficinas do emprego en Galiza aumentou un 3,99 por cento até as 161.162 desempregadas, 6.180 máis ca en decembro. O aumento foi inferior ao rexistrado no conxunto do Estado Español, onde o paro medrou un 6,22 por cento até os 2.261.925 parados, cun incremento de 132.378 inscritos, segundo os datos do Ministerio de Traballo. Porén, en Galiza, xunto con Asturias, o paro descendeu en relación a xaneiro de 2007: 2.421 persoas menos, un 1,48 por cento.
O paro aumentou en todas as provincias e en todos os sectores. Sumáronse ás listas do Inem 136 persoas na agricultura (até 5.131), 392 na industria (até 24.880), 683 na construción (17.608), 30 no colectivo sen emprego anterior (23.110) pero, principalmente, no sector servizos, con 4.939 novos parados, até 90.433.
O desemprego feminino segue a superar o masculino, con 99.872 paradas fronte a 61.290 parados. Por idades, 15.941 son menores de 25 anos, dos que 8.264 son mulleres e 7.677, homes.