Principalmente mulleres, son captadas e traídas por persoas, grupos de delincuentes ou redes criminais organizadas a través de engano, ameazas ou coacción.
Non existen datos fiábeis do alcance real deste tipo de violacións dos dereitos humanos que desde Amnistía Internacional cualifican como "unha das formas máis crueis de violencia de xénero e unha nova forma de escravitude". Mulleres de entre 18 e 25 anos chegadas de Brasil, Bulgaria, Colombia, Ecuador, Ucraína, Rusia e Romanía son as vítimas máis habituais.
A prostitución, o servizo doméstico, o agro, hostalaría, construción ou obradoiros clandestinos por exemplo no sector téxtil son algúns dos destinos detectados. Alén da violencia física en moitas ocasións as redes que promoven este tráfico de persoas usan tamén da ameaza de represalias contra os seus parentes como forma de garantir o silencio e submisión destas persoas.
Este venres entrou en vigor o Convenio Europeo contra a Trata de Seres Humanos, que pretende ser un chanzo máis cara á protección das persoas vítimas destas prácticas no continente europeo. De momento, 37 países do Consello asinaron este acordo e 13 xa o ratificaron. Un dos que non o fixo é o Estado español, malia telo prometido hai xa dous anos. A Rede Española contra a Trata de Persoas, constituída en marzo do 2006 e integrada por 24 Organizacións Non Gobernamentais e organismos que traballan na loita contra a trata de persoas, avisa de que é urxente o compromiso da administración, xa que o Estado español é un dos principais países de tránsito e destino da trata en Europa.