Emilio Pérez Touriño recibiu a empresa este martes en audiencia para tratar sobre diversos proxectos.
O conselleiro delegado de Siemens-España, Francisco Belil, asegurou que a xeración de enerxía eólica no mar "é un campo que ten futuro para Galiza" e argumentou que, dado que é unha das partes do Estado con máis costa e con vento, está "predestinada" para iso.
Belil, que este martes foi recibido en audiencia polo presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, salientou que Siemens é unha das compañías líderes na xeración de enerxía, tamén eólica, e expuxo o seu interese en facer instalacións no noso país.
Preguntado pola súa opinión sobre os parques eólicos mariños, malia coñecer a oposición da Xunta, o conselleiro delegado de Siemens dixo que Galiza, polo momento, está a optar por un "abano de posibilidades de xeración de enerxía eléctrica", mais que "para ter unha oferta equilibrada é mellor apostar por varias tecnoloxías ao mesmo tempo e non dedicarse só a unha delas".
Belil tamén falou das augas galegas, un campo no que a compañía proxecta varios traballos e sobre o que Pérez Touriño lle indicou que ten "plans moi ambiciosos" para o saneamento das rías. "A Galiza de hoxe non se pode comparar coa Galiza de hai anos", afirmou por último para salientar o "enorme potencial de crecemento" do país.