O alugueiro sería outra das solucións ante o posíbel mantemento do elevado prezos dos inmóbeis, segundo a estratexia da Consellaría de Vivenda.
A construción de vivenda protexida pode salvar o sector
O 2007 foi un ano negro para o sector inmobiliario, en Galiza foron moitas as inmobiliarias que tiveron que pechar debido á falta de compradores derivada do elevado prezo da vivenda. Tamén se rexistrou un descenso notábel no sector da construción, un dos máis fortes do noso país. Ante esta situación, a Consellaría de Vivenda fixo unha valoración, na que sitúa a creación de vivenda protexida como eixo fundamental para solucionar a crise do sector da construción e como alternativa para os cidadáns que non se poden permitir acceder a unha vivenda libre.
Dende o departamento que dirixe Teresa Táboas, opinan que nos últimos meses produciuse unha desaceleración do sector da inmobiliario, que inflúe no prezo da vivenda. Así mesmo, aseguran tamén que a día de hoxe a cidadanía “non se pode permitir unha vivenda libre” e isto inflúe tamén na contención dos prezos.
A solución a esta situación, pasa pola creación de vivendas protexidas, ás que poden acceder o 85 por cento da poboación. O aumento deste tipo de edificacións suporía unha revitalización do sector da construción, ao tempo que incrementaría a posibilidade de obter unha vivenda de seu a moitos dos galegos que non poden permitirse mercar outro tipo de inmóbeis.
Outras medidas: o alugueiro
A situación actual na que se demostra que a pesar de sermos un dos países cun maior número de vivendas por habitante, somos tamén un dos países aos que máis lle custa acceder a unha delas, está a provocar que cada vez a idade de emancipación sexa máis elevada. O alugueiro convértese, segundo a Consellaría, nunha das mellores alternativas para todos aqueles que non queiran hipotecarse durante unha media de 20 anos.