As promotoras estatais teñen 500 mil pisos novos en stock, que sumados á oferta de vivenda usada, fan un millón de vivendas pendentes de venda.
Prevese que as promotoras inmobiliarias do Estado terminen o primeiro trimestre de 2008 cunhas 500 mil vivendas novas en stock, acumuladas dende finais de 2006, segundo as estimacións da Área de Investigación do Instituto de Práctica Empresarial (IPE).
Destas vivendas de nova construción, que ningunha inmobiliaria conseguiu vender, 70 mil veñen do terceiro trimestre de 2006; 300 mil do ano 2007 (cando diminuíron as vendas un 50%) e unhas 130 mil son as que se se terminarán de edificar entre febreiro e marzo deste ano, e das que non hai ningunha previsión de as vender.
Esta cifra de pisos baleiros pódese unir aos 500 mil pisos de segunda man que tamén están á venda, co que chegaríamos ao millón de vivendas sen habitar en todo o Estado.
Un millón de pisos en stock: as cifras da crise inmobiliaria
Segundo as conclusións do IPE, isto acontece agora porque antes do último trimestre de 2006, normalmente vendíanse os pisos sobre plano, polo que non había apenas stock. Agora haino, e é considerable, mais segundo este estudo, en "condicións normais" a demanda absorbería nun ano o duplo dos inmobles que hai sen vender no Estado (en 2007, por exemplo, vendéronse 1.860.903 pisos, un 5% menos dos que se venderon en 2006).
Para que todos estes pisos se poidan vender faría falta que baixasen os prezos, que mellorasen as condicións do empréstitos e do emprego (máis produción e salario). Mais segundo o Informe Prezos do Sector Inmobiliario 2008 (realizado con enquisas entre os distintos axentes do sector), o de que baixen o prezo dos pisos este ano aínda está por ver. De feito, as conclusións do informe mesmo falan dunha suba (do 1,92%), sobre todo nos inmobles relacionados co sector terciario (oficinas, hoteis e centros comerciais), mentres só se agardan baixadas nos prezos das segundas residencias.
40 mil inmobiliarias menos
O ano 2007, que comezou co boom do ladrillo e terminou coa crise do sector, deixa tras de si unha chea de inmobiliarias pechadas. Os peches mesmo afectaron a coñecidas firmas como Fincas Corral ou Tecnocasa (moitas das súas franquicias botaron o fecho), pero sobre todo chegaron ás pequenas inmobiliarias que naceron o ano pasado en case todas as vilas do Estado, na procura de diñeiro fácil.
Segundo a asociación de Axentes da Propiedade Inmobiliaria (API), das 80 mil oficinas que existían a comezos de 2007 no Estado Español, sobreviviron a metade, unhas 40 mil.