Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CLÓDIO GONZÁLEZ, BIÓGRAFO DO HOMENAXEADO

"Se Álvarez Blázquez non é máis coñecido é porque vivía en Vigo e non en Santiago"

Publícase a primeira obra sobre Álvarez Blázquez no ano da súa homenaxe, 'Xosé María Álvarez Blázquez, 1915-1975', de Toxosoutos.

Redacción - 11:12 17/01/2008

Clodio González (Cenlle, 1947) foi amigo persoal de Xosé María Álvarez Blázquez. Profesor, historiador e etnógrafo, ten realizado achegas á vida e obra de Xaquín Lorenzo, Eladio González, Roberto Blanco Torres, ou Xesús Ferro Couselo.

Cre que Álvarez Blázquez non é tan coñecido como debería en función dos seus méritos?
O feito de vivir sempre en Vigo, en lugar de en Santiago, que funcionaba máis como centro cultural e onde vivían moitos dos intelectuais galeguistas, supoño que influíu niso. En Vigo si é coñecido, e tamén o é para os especialistas en literatura medieval, por exemplo. E é que Álvarez Blázquez foi o gran popularizador dos cancioneiros medievais, coas súas escolmas de poesía publicadas durante o franquismo. Até aquel momento só estaban recollidas en obras editadas en Portugal.

Os Álvarez son unha familia familia ligada á literatura, á cultura, dende o século XIX, unha tradición continuada polos fillos de Xosé María Álvarez Blázquez...
Si, iso vén xa dende o seu avó, Emilio Álvarez Giménez, seguiu co seu tío Xerardo Álvarez Limeses e chegou a Xosé María e ao seu irmán Emilio Álvarez Blázquez. Todos escribiron poesía e tamén practicaron outros xéneros. Mesmo o seu pai colaboraba habitualmente en prensa. E agora os seus fillos: Xosé María, Alfonso e Celso Álvarez Cáccamo continúan con esta tradición, digamos.

Influíu ese ambiente familiar en Álvarez Blázquez?
Supoño que si, tivo que influír.

E máis influíu o fusilamento de seu pai no 1936, non si?
Si, claro. O fusilamento de seu pai e o de Bóveda, que era seu curmán político. Bóveda era moi importante para Xosé María, foi o seu guieiro, o motivo polo que foi entrando nas Mocidades Galeguistas e no Partido Galeguista. E ademais de seren curmáns, eran amigos.

Considera vostede máis importante a súa produción literaria ou o seu labor como editor?

É certo que a actividade editorial foi moi importante, principalmente porque en Galicia non se editaba nada. Primeiro fundou Monterrey, pero o máis importante é cando pon a andar Castrelos. Castrelos edita libros populares, baratos, de temática máis accesible, e que se distribúen por todas as librarías de Galicia. Sobre todo a colección O Moucho, unha colección de libros de peto na que se reeditou por exemplo O Catecismo do Labrego, que chegou ás quince edicións.

Durante a ditadura publicou poesía en galego e narrativa en castelán...
Si, non era doado publicar en galego. Publicou cinco novelas en español, e con En el pueblo hay caras nuevas chegou a ser finalista do Nadal. Coa poesía había menos problemas para o galego, e aí están os seis poemarios en galegos.

Así e todo en 1971 publica xa en galego un libro de contos, A pega rabilonga e outras historias de tesouros, un libro infantil contemporáneo das primeiras obras de Casares. Foi unha aposta consciente pola literatura infantil en galego?

Non o sei, sempre lle dicíamos que comezara a publicar en galego, con aquel libro de relatos que publicara en 1936 (Os ruíns) e rematou publicando en galego, tamén.

E despois está a súa actividade como arqueólogo...

Si, tamén. De feito pódese dicir que é o primeiro historiador de Vigo, é importantísimo para a cidade.

Dise que Álvarez Blázquez era moi modesto, excesivamente modesto, e que iso fixo que non obtivese antes o recoñecemento que agora se lle quere brindar. Está de acordo?
Pode ser, é certo que en Moucho publicou moitas obras sen asinar, ou asinando como Castrelos. Pero si que obtivo recoñecementos. Por exemplo, en 1962 ingresou na Real Academia, e en 1977, cando se inaugura o Museo do Pobo, está entre as autoridades presentes, e chega a ser vicepresidente máis adiante.

Para que vai servir este ano de homenaxe?

Ten que servir para que se lle recoñeza como o que foi: un home erudito e traballador.


O que van publicar Galaxia e Xerais sobre Álvarez Blázquez


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: