Tras denunciar un veciño por realizar un acto vandálico gravado con cámaras de vídeo, a Policía Local agora nega o uso destes dispositivos.
O MARCO ten cámaras de videovixilancia
O destrozo dunha das figuras da Cow Parade de Vigo foi o punto de partida dun conflito sobre o dereito de intimidade dos cidadáns. A Policía Local denunciou os feitos tras coñecer a identidade do mozo acusado grazas ás imaxes proporcionadas por unha cámara de videovixilancia dunha empresa privada.
Tras coñecer os feitos, o Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) instou á Axencia Española de Protección de Datos a investigar sobre a legalidade destes dispositivos de seguridade co obxectivo de que retirase as videocámaras por vulnerar os dereitos fundamentais dos cidadáns. Malia isto, o Concello de Vigo afirma agora non ter constancia da existencia desas cámaras nin ter identificado ao presunto culpábel a través desas imaxes.
No informe aportado pola Axencia, aseguran que a identificación do acusado foi grazas á presencia dunha patrulla local. A pesar disto, a recoñecen a existencia de dispositivos situados no edificio do Museo de Arte Contemporánea, próximo á localización da figura da Cow Parade, pero aclaran que estas cámaras “son empregadas de forma exclusiva para a vixilancia do citado edificio, non recollendo imaxes da vaca”.
Cámara sen carrete
Segundo indica o MpDC non é a primeira vez que as autoridades de Vigo ten unha actuación dubidosa en relación cos dereitos de imaxe, xa que a Policía Local xa fotografou aos veciños que se congregaban diante do Concello para asistir a un pleno, asegurando ante as acusacións que a cámara non tiña carrete.
Dende este colectivo denuncian que a seguridade xurídica dos cidadáns “queda en entredito”, xa que non existen garantías legais para a protección efectiva dos dereitos das persoas no referente ao honor, a intimidade e a propia imaxe, xa que a instalación de cámaras de videovixilancia non cumpre os requisitos mínimos para garantir eses dereitos.