O presidente da compañía informática fixo un balance positivo da marcha da empresa durante 2007.
O MacBook Air
O presidente da compañía informática Apple, Steve Jobs, fixo balance de resultados e anunciou os próximos lanzamentos da empresa na súa xa tradicional e sempre agardada intervención na feira MacWorld, que está a ter lugar na cidade estadounidense de San Francisco. Unha das principais novidades anunciadas por Jobs foi o novo ordenador portátil MacBook Air, o máis delgado do mundo, que non chega aos dous centímetros na súa parte máis grosa.
Para demostrar a fineza do dispositivo, o responsábel e fundador de Apple sacouno dun sobre. Dixo del que non leva lector de CD nin de DVD porque xa non o precisa. Outra das innovacións expostas é o feito de que a tenda en liña de produtos culturais iTunes comezará a alugar filmes, grazas a unha alianza coas principais produtoras cinematográficas.
No referente aos resultados da compañía, Jobs destacou a fortaleza da tenda iTunes fronte ás súas rivais. Como mostra diso, asegurou que só o día de Nadal se descargaron 20 millóns de cancións. Tamén defendeu a converxencia tecnolóxica de todos os seus produtos: pódese descargar un filme e velo no ordenador, no iPod ou no iPhone. Este último produto, que revolucionou a telefonía, presentouse como un dos meirandes éxitos de Apple no 2007, con máis de 4 millóns de unidades vendidas.