Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NUN PRAZO DE 6 ANOS

A Lei de Servizos Sociais aspira a reservar o 7% do orzamento ás políticas de benestar

O anteproxecto prevé dividir o país en 60 áreas para xestionar os servizos para maiores, persoas con discapacidade, menores e grupos excluídos.

Redacción - 18:08 15/01/2008
Quintana, no acto de presentación

Quintana, no acto de presentación

O anteproxecto de Lei de Servizos Sociais de Galiza deuse a coñecer este martes na capital do país. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presentouna como "un gran paso adiante" na lexislación social e "unha nova etapa" para o impulso do autogoberno.

A nova lei aspira a rematar co "vello modelo asistencialista cara a un novo modelo de xestión do benestar", coa creación dun catálogo de servizos sociais, un Plano Estratéxico de Servizos Sociais e unha delimitación de 60 áreas sociais como unidades territoriais de referencia. Ademais, o anteproxecto incorpora unha Tarxeta Social e mais a figura do Profesional de Referencia para a coordinación das políticas sociais no país.

Vicepresidencia márcase un obxectivo orzamentario de reservar un mínimo do 7 por cento nun prazo de seis anos aos Servizos Sociais. Ese compromiso esténdese aos concellos de máis de 20.000 habitantes, que terán que asumir o financiamento dos servizos dos que son responsábeis. Ademais, o anteproxecto fixa os destinos dos importes das sancións que se cometan nesa materia e propón que se inclúan cláusulas de carácter social nos contratos públicos.

O Sistema Galego de Benestar márcase como obxectivo a longo prazo crear unha unidade de intervención social por cada 10.000 habitantes en áreas urbanas e por cada 3.000 nas rurais. En cada áreas social prevese contar cun equipo de inclusión social. Ademais, prevé poñer en marcha sete centros de inclusión, un en cada cidade, e 16 áreas de inclusión social nas cabeceiras de comarca.

A lei aspira, tamén, a que existan 3,5 prazas residenciais por cada 100 persoas maiores de 65 anos, o que vai supoñer a creación de 21.000 prazas; a que o 30% das 91.000 persoas dependentes dispoñan de servizos de axuda no fogar e teleasistencia; a acadar unha relación de 1,4 prazas en centros de día por cada 100 maiores de 65 anos, o que supón 8.400 prazas, e a que se atendan 8 millóns de desprazamentos anuais a través do Servizo de Transporte Adaptado.

Na área de discapacidade intelectual, o obxectivo é pasar de 2.400 prazas ocupacionais a 4.200, e das 1.800 prazas asistenciais actuais ás 4.200. Para discapacidade física, crearanse centros de Recursos e Integración social en cada área social. Ademais, artellarase unha rede pública de protección e tutela.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: