O responsábel español de Economía asegura que, aínda que é optimista, o goberno estatal está preparado “para cando cheguen as vacas fracas”.
O vicepresidente segundo do goberno español e ministro de Economía, Pedro Solbes, afirmou esta quinta feira que a economía medrou un 3,5% no último trimestre de 2007, tres décimas menos ca no trimestre anterior. Solbes coida que esta lixeira desaceleración é "lóxica", debido á coxuntura internacional e “a un progresivo axuste do sector inmobiliario”.
Aínda que os datos apuntan unha recesión económica gradual Solbes móstrase optimista e pensa que vai haber un medre económico dun 3% até 2010. Porén, nunha entrevista nunha emisora de radio afirmou que o goberno español leva catro anos preparándose para cando cheguen as “vacas fracas”.