Un parlamentario galego con dedicación exclusiva cobra de media 50 mil euros anuais, aínda que só declara a metade a Facenda.
Un representante no Parlamento de Galiza cobra de media preto 4.200 euros mensuais brutos. Porén, non hai que explicarlle a Facenda todas as retribucións. Segundo informa La Opinión de A Coruña, hai deputados que perciben até 2.092 euros ao mes en concepto de dietas que non teñen que declarar. Nesta cantidade inclúense os gastos de aloxamento e manutención. Os restantes 2.075 euros ao mes sí que están suxeitos ao IRPF.
Segundo o diario herculino hai unha “opacidade total” á hora de conseguir datos sobre as dietas dos parlamentarios. Na web do Parlamento pódense ver as retribucións pero non a parte dos soldos que non están suxeitos a retencións.
Ademais dos 2.075 euros de paga fixa e dos 2.092 euros de dietas, os deputados tamén teñen dereito a catro viaxes fixas ao mes para reunións cos seus grupos parlamentarios. Se o desprazamento se fai nun vehículo propio a indemnización está fixada en 25 céntimos por quilómetros. En caso de viaxes oficiais, os parlamentarios teñen dereito a 103 euros diarios se o desprazamento é dentro do Estado e 172 se a viaxe é fóra destes límites.
A información tamén se para no caso daqueles deputados que teñen cargos dentro do Parlamento, polo que perciben notábeis complementos económicos a maiores.