Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A maioría na provincia de Pontevedra

Sete milleiros de inmigrantes máis traballan en Galiza desde o ano pasado

Suman un total de 40 mil en situación legal. Os sindicatos din que hai moitos máis, "sen papeis", moitas veces "explotados" e sen acceso a axudas.

Europa Press - 13:15 06/01/2008

O pasado mes de novembro comezaba cun total de 40.913 traballadores afiliados á Seguridade Social. Á beira, os estranxeiros con certificado de rexistro ou tarxeta de residencia en vigor, colectivo no que se enmarca tamén aos emigrantes retornados, en 13.743 persoas máis no último ano, cara a un total de 72 mil, con datos neste caso só até o mes de setembro incluído.

Segundo as cifras do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, do total de traballadores estranxeiros afiliados en Galicia case o 75% concéntranse nas provincias d'A Coruña e Pontevedra. A maioría traballan no sector da construción, seguido da hostalaría, industrias e manufacturas e, en menor medida, outros empregos, como servizo doméstico, comercialización de produtos, e outras actividades.

Con eses números, e segundo fontes da Consellaría de Traballo, a Xunta dá por "cumpridas" as expectativas en canto ao obxectivo de incremento de traballadores estranxeiros en situación de afiliados á Seguridade Social, e que se marcou no 70% para 2009 (o 2007 pechouse con máis do 50%), e tamén en canto ao incremento de poboación co retorno de emigrantes, que se estimou en 16 mil persoas ao final do ano pasado. No documento da mesa de Diálogo Social figura como obxectivo até o ano 2009 lograr un incremento de poboación de 82.500 persoas (entre retornados e outros inmigrantes) e no ano 2007, fixouse como obxectivo a volta de 16 mil galegos, de modo que se considera lograda esa meta, xa que a tres meses de rematar o ano quedaban menos de tres mil persoas para alcanzar esa cifra.

Marxinación dos "sen papeis"
Malia as cifras anteriores, os sindicatos alertan de que unha grande parte da poboación estranxeira queda "fóra" dos programas de inserción socio-laboral e outras axudas, mentres que colectivos como os estudantes doutros países tamén a atopas con numerosos problemas para acceder ao mercado laboral.

Así, a coordinadora da oficina de Migración da CIG, Laura Bugallo, recordou que o principal problema ao que se enfrontan os traballadores estranxeiros "segue sendo a consecución dos papeis que lles permitan regularizar a súa situación". Nese sentido, explicou que a poboación inmigrante que queda "fóra das cifras oficiais", padece moi frecuentemente situacións de "explotación, abuso indiscriminado e mesmo escravitude", en sectores como a hostalaría, construción e servizo doméstico, no caso das mulleres, que han de sufrir unha "dobre discriminación, por ser muller e estranxeira".

Ao non estaren en situación de legalidade, estes homes e mulleres non poden optar a programas de formación, e se poden facelo, "non teñen tempo para dedicar varias horas diarias a un curso". No caso de axudas de tipo social, coma o cheque-bebé, deben acreditar que levan no Estado español cando menos 2 anos, aínda que si é máis doado que reciban axudas para a escolarización dos menores.

Perfil dos traballadores extranxeiros
Tanto a representante da CIG como a responsable do Centro de Información a Traballadores Estranxeiros (CITE) de CCOO en Vigo, Marta Albaladejo, coinciden en sinalar que o perfil de inmigrante que chega a Galiza nos últimos anos cambiou.

Albaladejo explica que os inmigrantes pasaron de ser maioritariamente homes novos africanos, que se dedicaban á venda ambulante unha vez instalados nas cidades, a seren traballadores latinoamericanos, moitos deles mulleres, que se asentan en Galiza como consecuencia dos fenómenos de reagrupamento familiar. De feito, "chegan tendo xa un sitio onde se aloxar, e moitas veces tamén un traballo conseguido por un achegado".

Laura Bugallo tamén recalcou que o perfil do inmigrante na actualidade é o dun cidadán latinoamericano, de idade media comprendida entre os 30 e os 35 anos, "cualificado académica e profesionalmente" e, na maioría dos casos, "con experiencia laboral".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: