Rapaces dunha ducia de concellos enviáronlle as súas misivas á beira da campaña da Mesa pola Normalización Lingüística.
Grazas a unha campaña específica da Mesa pola Normalización Lingüística, en colaboración con dez concellos galegos: A Coruña, Santiago, Redondela, Arteixo, Ames, A Estrada, Poio, Tomiño, Cuntis e Cotobade, os Magos de Oriente recibirán máis de 22 mil cartas no noso idioma.
Nos concellos de Santiago, Arteixo, Ames e Tomiño tamén se distribuíron preto de medio millón de etiquetas para decorar os agasallos de Nadal na nosa lingua, con lendas como “Cos meus mellores desexos” ou “De alguén que te quere”.
Todas elas, destacan desde a Mesa, iniciativas que teñen como obxectivo animar ao uso normal do galego nestas festas e intervir directamente na infancia, que é o sector de poboación no que é máis necesario afianzar o uso da lingua do país.