"A transmisión está agora á espera de que o presidente da Xunta lle envíe un pedimento formal ao goberno español", afirman.
O diario portugués Jornal de Notícias, máis unha vez, publica esta semana información relacionada coa posibilidade de que as canles portuguesas de televisión emitan no noso país.
Na edición desta quinta feira recollen a última iniciativa da Fundación Vía Galego neste senso. A entidade remitiulle unha carta ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, instándoo a que lle solicite formalmente ao goberno español que as televisións portuguesas se reciban en Galiza.
Este requisito foi solicitado por José Luis Rodríguez Zapatero cando afirmou que o seu executivo está "aberto a estudar a posibilidade de dar medios técnicos adicionais", en caso de lle ser realizado un pedimento neste senso dende a Xunta.
"A transmisión de canais portugueses na Galiza está agora á espera de que o presidente da Xunta de Galiza, Emilio Pérez Touriño, lle envíe un pedimento formal ao goberno español. E isto depois de que o primeiro ministro e de que as entidades españolas se manifestasen a prol da existencia de canais portugueses nos televisores dos galegos", afirman no Jornal de Notícias.
Outras iniciativas
O diario portugués recolle ademais as declaracións do director de actividades da Fundación, Ângelo Gonçalves Vicente, ao respecto: "Estamos a promover a publicación de artigos de opinión na prensa nacional galega, e tamén está prevista a organización dunha palestra con persoeiros galegos e portugueses da política e da comunicación social, entre outras actividades".
Para Carlos Callón, presidente do Padroado de Vía Galego, "non ten sentido que poidamos ter un mellor acceso televisivo ao que acontece en Murcia, a onde a maior parte de persoas galegas non viaxará nas súas vidas, e non o teñamos ao que ocorre en Valença do Minho, Vila Nova de Cerveira ou o Porto, a onde moitas irán mesmo varias veces por semana".
Ademais, Callón afirma que a "recepción de novos canais na mesma lingua, aínda que nunha variante diferente, servirá de contrapunto positivo ao predominio de medios casteláns que están a prexudicar a nosa lingua".