O freo á construción naval como clave a resolver para garantir o desenvolvemento da comarca, foi destacado este mércores por Francisco Rodríguez, deputado do BNG no Congreso.
O deputado nacionalista tamén dirixiu as súas críticas ao Plan Ferrol, xa que non o considera un auténtico proxecto industrial, senón unha "simple mímese" dos desenvolvidos dende 1984, con resultados que na súa opinión foron "ridículos e fraudulentos".
Na súa comparecencia diante dos medios de comunicación este mércores en Ferrol, Francisco Rodríguez falou do regreso de Navantia Fene á construción naval civil como un dos obxectivos políticos do BNG a defender cara ás eleccións do próximo 9 marzo. Rodríguez convidou os ferroláns a apoiar "o regreso de Astano á construción naval civil" e prometeu que os nacionalistas seguirán na defensa dese proxecto.
Ao respecto, queixouse do que cualificou de comportamento "hipócrita, cínico e impresentábel" dos sindicatos UXT e CCOO na comarca, por asinaren o acordo en 2004 que derivou na creación da actual empresa Navantia e que vinculou á antiga Astano á construción militar. Na opinión do deputado do Bloque, estes dous sindicatos foron instrumento para o freo das posibilidades de cambio da política industrial no contorno ferrolán que, segundo Rodríguez, "só ten unha grande saída, a recuperación da construción naval civil".