A xuíza subliña que os EUA non asinaron a convención internacional sobre danos por contaminación de petróleo. Segundo iso, a empresa ABS, que clasificara o Prestige como "apto" para a navegación, non estaría obrigada a atender as reclamacións.
A presunta neglixencia da que se acusaba á empresa American Bureau of Shipping non foi argumento abondo para que a xustiza a obrigase a responder polas irregularidades na certificación da navegabilidade do Prestige. O xulgado de Nova York onde se dirimía o caso, resolveu finalmente aceptar as alegacións da clasificadora.
Entre os principais factores cos que ABS consegue saír do proceso sen pagar ren, está o afastamento dos Estados Unidos da Convención Internacional de Responsabilidade Civil para Danos por Contaminación de Petróleo. A xuíza Laura Taylor indica na sentenza que os EUA non asinaron de momento este acordo, o que lle impediría ao goberno español reclamar compensacións económicas aló. Malia iso, tanto o Estado español como as Bahamas, bandeira esta baixo a que navegaba o Prestige, si asinaron ese texto.
Por outro lado, entre as argumentacións de ABS tamén estaba a defensa de que, independentemente da revisión realizada ao buque, que a empresa aseguraba que fora correcta, consideraban que a catástrofe podería ter sido dunha menor dimensión ou terse evitado se o goberno español actuase doutra maneira durante a crise.