Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Sector inmobiliario (I)

O dilema da vivenda: Merco ou non merco?

O número de vendas de pisos diminuíu en case dous mil con respecto ao anterior trimestre.

Lucía Iglesias - 11:12 07/01/2008
As vendas de pisos están a descender de xeito preocupante

As vendas de pisos están a descender de xeito preocupante

Merco ou non merco? está é a pregunta que centos de galegos se fan cada día á hora de adquirir unha vivenda. O porqué, está moi claro: o incremento dos prezos dos inmóbeis en Galiza, a suba dos tipos de interese, os longos períodos que abranguen as hipotecas... son moitas as causas que botan para atrás a aquelas persoas que queren mercar unha vivenda propia.

Ademais disto, a sospeita da existencia dunha burbulla inmobiliaria que pode rebentar en calquera momento é outra das causas que están a ralentizar os movementos de compra-venda neste sector, que nos últimos meses rexistrou unha significativa crise de demanda.

Pero canto custa adquirir un piso no noso país? segundo a información pescudada por Vieiros, aqueles que queiran mercar unha vivenda de 70 metros cadrados teñen que ter canda menos 110.000 euros, que é o que custa un piso en Ourense, ou até 240.000 en Vigo, senón sempre poderán decantarse pola opción de pagar unha hipoteca durante unha media de 28 anos para posuír unha vivenda de seu. En Lugo os pisos sitúanse arredor dos 185.000 euros, mentres que en Compostela a cifra ascende até os 210.000.

Facilidade para endebedarse
Pero por que se produciu un incremento tan acusado no prezo das vivendas? o colaborador de Vieiros Economía Roberto Río Morán, fixo unha análise na que diferenciou entre as causas macroeconómicas, sociais e políticas. Para Roberto Río, até o de agora vivimos unha etapa do ciclo económico “marcada por un considerábel crecemento económico en Galiza, que unido á inflación moderadamente baixa fixo posíbel que os galegos e galegas tivesen capacidade de aforro nos últimos anos”. Xunto con esta causa, a política monetaria do Banco Central Europeo (BCE) viu marcada polos “baixos tipos de xuro, polo que endebedarse era máis barato”.

Se temos en conta o punto de vista social, a causa fundaméntase na crenza dos galegos de que “a vivenda sempre sobe”, e aínda que segundo Río Morán non é certo, o cidadán de a pe “asume que a mellor maneira de non arriscar os aforros e de obter unha grande rendibilidade é investir en inmóbeis”. Con esta actividade, a vivenda pasou de ser un ben básico, a ser un mero vehículo de investimento especulativo. É aquí cando nace o xermolo da burbulla inmobiliaria.

En canto ás causas políticas, Roberto Río indica a existencia de factores como a redución do tamaño da unidade familiar, a aparición dunha política fiscal da Administración Estatal que incentiva a vivenda en propiedade en detrimento do aluguer e a inexistencia durante anos de políticas integrais da Administración galega que promoveran a vivenda protexida ou de alugueiro. Tamén xogou un papel importante o prezo que alcanzou o solo ao supoñer un importante ingreso para os concellos e non estar liberalizado.

As vendas seguen a descender
Dende as inmobiliarias o descenso das vendas vense notando aproximadamente dende hai catro ou cinco meses, excepto no caso de Vigo, onde a crise xa comezou hai ano e medio. Segundo indicou Luís Chao, de Acanto Inmobiliaria, en Lugo, na actualidade existe unha situación negativa para o comprador, debido sobre todo ao “incremento dos tipos de interese, que sumado ao elevado prezo dos pisos fai difícil para os compradores lanzarse a mercar unha vivenda”.

Dende Ourense, o sector inmobiliario achaca o descenso no interese dos clientes aos medios de comunicación, e sobre todo á suba das hipotecas, mentres que en Compostela indican que na actualidade os bancos xa non apoian ao 100 por cento a adquisición de inmóbeis, xa que opinan que é “un mal momento para mercar”. En Vigo a xente está a esperar a que baixen os tipos de interese e a que se poña en funcionamento o Plan Xeral polo que se contempla destinar o 40 por cento para a vivenda protexida.

Sexa cal fose a causa, o certo é que no último trimestre, segue a rexistrarse un número moi baixo de transaccións inmobiliarias, segundo indican os datos do Colexio de Rexistradores. A media interanual de compravendas de vivenda situouse en 33.376, das cales máis de 16.000 son inmóbeis novos e 17.000 pisos usados, o que supón un descenso de case 2.000 movementos inmobiliarios con referencia ao anterior trimestre, no que se situaban en 35.082.

Incremento dos prezos, suba dos tipos de interese, hipotecas interminábeis... ao final, merco ou non merco?


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: