"A Galiza global" de Foro Cívico Galego, "Vento do Leste" da Federación, o programa de radio "Galiza algo máis" e a arte de Miguel Ares e de Anxo Baranga.
A Secretaría Xeral de Emigración convocou este ano diversos premios co gallo da "promoción da realización de actividades culturais e artísticas no seo das comunidades de galegos residentes no exterior, contribuíndo á súa dinamización cultural e á súa integración na vida social, artística e cultural de Galicia". Se cadra esta convocatoria non deu promoción ao que xa estaba feito por pulo propio da galeguidade no "exterior", pero si que lle deu azos e gabou o labor feito, que non é pouco. E o traballo feito pola comunidade galega en Catalunya levou un tercio dos dezaoito premios convocados.
O dous premios convocados á mellor revista editada polas entidades galegas no exterior foron para Barcelona: o primeiro para RENOVA GALIZA: - Monográfico "A Galiza global: As galegas e os galegos no mundo", de Foro Cívico Galego, e o segundo para Vento do Leste da Federación de Entidades Galegas en Catalunya.
Na modalidade radio e televisión do premio de comunicación, o programa de Radio "Galicia algo máis" acadou o segundo premio. O programa, integrado en ERGAC (Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya), emítese todos os sábados de 17 a 18 h na emisora Sants3 Radio de Barcelona.
O galego afincado en Terrasa Miguel Ares Rodríguez levou dous premios: o primeiro premio de deseño de carteis con A Galicia emigrante: todo corazón, e o segundo da modalidade de fotografía dixital con Tórax dun galego emigrante.
E o pintor e actor barcelonés Anxo López Baranga foi galardoado co primeiro premio de Belas Artes na modalidade de pintura polas obras Gardiana do Salitre I e Gardiana do Salitre II, que formaban parte da exposición Eu tamén navegar.