É a terceira vez que, logo de comprometérense a facilitar o proceso, os representantes do PPdeG no Consello de Administración deciden boicotear a convocatoria de emprego.
A acusación de fomentar a precariedade laboral nos medios de comunicación públicos do país caeu outra vez sobre o PPdeG, despois de que unha vez máis freasen o proceso de oferta de emprego acordado entre a dirección da CRTVG e os sindicatos. Na actualidade, catro de cada dez traballadores do ente son eventuais, xa que desde 1992, e malia as reiteradas peticións, os populares decidiran non facer ningún proceso de oposicións. Os sindicatos advirten ademais de que coa nova lexislación laboral non poderán ser renovados os contratos por obra dunha vintena de traballadores, que rematan a final de ano.
A actitude dos membross do PPdeG no Consello de Administración provocou as críticas de socialistas e nacionalistas, así como dos representantes do Comité Interempresas, que coincidiron en relacionar a ausencia dos populares cunha "estratexia política" ditada dende a dirección do partido. Os conselleiros da CRTVG por parte de PSdeG e BNG emitiron un comunicado conxunto no que censuran a "decisión irresponsábel" do PPdeG "sen ningunha explicación" e atribúena a "cuestións partidistas que pretenden bloquear o bo funcionamento" dos medios de comunicación públicos. O PSdeG sinala directamente ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, como responsábel da estratexia de "complicar ou dilatar" o proceso para cubrir os 220 postos na CRTVG. O BNG denuncia a "inxerencia política intolerábel da dirección do PP" no funcionamento interno da compañía.
Por outro lado, as fontes do PP consultadas por Europa Press atribuíron a súa ausencia a que "se incumpriu o pactado" sobre a orde do día da reunión extraordinaria, xa que ademais do punto sobre a modificación do cadro de persoal, se incluíu tamén a aprobación do acordo da comisión negociadora sobre as condicións concretas da OPE. Os populares sosteñen que non cambiaron a súa postura e que están "a favor de convocar unha oposición con garantías", pero critican o "escurantismo" da dirección porque non tiveron "información abonda" sobre o proceso.