Até sete puntos por riba da media estatal en canto a treitos de perigo na rede de estradas, segundo o informe do Real Automóbil Club, RACC. Galiza é un dos poucos lugares onde se incrementou o risco de sufrir un accidente.
Galiza, Cantabria e a Comunidade Valenciana reúnen, segundo a avaliación do RACC, o conxunto de estradas onde a situación máis empeorou respecto ao anterior estudo realizado. Na proporción total de puntos negros respecto á media do Estado, o escenario srespecto a Galiza só é peor en Asturias. As estradas do país, que xa contaban cunha elevada concentración de puntos "negros", afondan así na pésima situación ao tempo que permanecen moi altas as estatísticas de sinistralidade viaria.
A nivel estatal, as vías da Coruña e Pontevedra, xunto coas de Zamora, aparecen como as de peor evolución durante o último ano. O treito de maior risco está na PO-11, entre os enlaces da AP-9 e a PO-12, zona onde maior risco de sufrir un accidente existe en Galiza. Case o 30% dos tramos analizados amosaron unha probabilidade elevada ou moi elevada de sufrir un accidente grave, porcentaxe até un 10% por riba da media estatal. A rede viaria con máis risco de sinistros graves é a da provincia de Lugo.