O presidente do Goberno asegura que a economía se atopa nun período de "solvencia" e medra de xeito "sostido".
O Goberno anunciou que revisará a normativa fiscal en materia de doazóns e sucesións na primeira quincena de xaneiro. O proxecto de lei de reforma do imposto de sucesións e doazóns pretende promover a competitividade fiscal.
A modificación deixará exenta do pagamento a gran maioría da cidadanía galega. Segundo o presidente da Xunta, a revisión dos dous impostos será "prudente e necesaria". O anuncio fíxoo despois de se reunir co ministro de Economía, Pedro Solbes.
Pérez Touriño tamén salientou o "pulo inédito" e a "expansión" do investimento estatal en Galiza nos últimos tres anos, que fixo posíbel que o noso país absorba máis do 8 por cento dos fondos territorializados do Estado. Para o presidente do Goberno, este investimento permitirá que Galiza conte co tren de alta velocidade no prazo comprometido, grazas aos máis de 700 millóns que se achegarán en 2008.
Para Touriño, a economía galega presenta un crecemento "equilibrado e sostido" e "unha gran solvencia", coas contas saneadas. Ao seu xuízo, a medra económica débese ao "bo comportamento industrial e o magnífico comportamento exportador". Engadiu que "é razoábel" prever un crecemento da economía do país nun 3,5 por cento para o vindeiro ano, dúas décimas por riba da media estatal, e que se crearán 32.500 empregos, o 7% dos novos postos de traballo do Estado.
Pola súa banda, Pedro Solbes lembrou que a intención do executivo español é suprimir o imposto de Patrimonio, mais non recomenda facer o mesmo co de doazóns e sucesións.