Dende o departamento de Persoal lembran que estas prácticas poden provocar logo tratos de favor.
A tentación tamén pode chegar encarnada nun Papa Noel. Por iso, a Concellaría de Persoal de Ferrol fíxolle chegar unha nota aos funcionarios na que lles lembra que non está permitido aceptar agasallos das empresas que manteñen relacións comerciais co propio consistorio.
Dende o goberno local non ven con bos ollos unha práctica que pode dar lugar, no peor dos casos, a un futuro trato de favor. A nota interna non deixa lugar a dúbidas: “Desgraciadamente, existen casos nos que a entrega dun detalle valioso podería significar un risco para a integridade das relacións comerciais”.
A Concellaría de Persoal incluso lle dá aos traballadores pautas para rexeitar os estipendios das empresas privadas. Así, recomenda que os funcionarios dean unha negativa “con tacto pero con total claridade”.