Yves Tanguy, hoxe pouco coñecido, era o artista preferido de André Breton. Por que lle chaman o surrealista anti-Dalí? Como é que un dos obxectos expostos no MNAC leva por título Pescador de Sada?
"Pescador de Sada", Ferrant (1945)
Outra volta o Museu Nacional d'Art de Catalunya -esa institución que acubilla mil anos de arte- enche as salas de exposicións temporais con dúas mostras atractivas. As dúas sobre o surrealismo, diferentes e complementarias: Yves Tanguy, L'univers surrealista e L'objecte català a la llum del surrealisme. A primeira -comisariada por André Cariou, director do Musée des Beaux-Arts de Quimper- xunta unhas 250 pezas, entre pinturas, debuxos, libros e ilustracións na primeira exposición que se dedica en España a este artista de orixe bretón. A segunda é unha escolma de pezas heteroxéneas elaboradas por artistas como Miró, Dalí, Ferrant ou Clavé e creadas segundo os mandatos da estética surrealista.
Dise de Yves Tanguy que é o pintor surrealista por excelencia.
De certo foi o único a quen André Breton, santón do surrealismo, dedicou un libro. Breton coidaba que as formas arredondadas que se esparexen -caprichosas e definidoras- polas teas de Tanguy proveñen das paisaxes que libera a baixamar nos esteiros de Bretaña e da pegada que fixaron no subconsciente do rapaz que tantas tempadas pasou naqueles paraxes. Esa sería a orixe da poética e do misterio subxacente na obra de Tanguy: o magma orixinario. Nin terra nin auga, nin mar nin nai; todo xunto.
O cadro vai medrando diante dos meus ollos revelando as súas sorpresas a medida que avanza. (Tanguy, 1954) Estas palabras precisan a opinión que Yves tiña do seu traballo. A autonomía da obra respecto do seu executor, o automatismo. Lido isto o máis acertado é dicir: visiten a exposición no MNAC e sorpréndanse. As liñas que seguen, xa que logo, só teñen a pretensión de animar a visita e de propor o xogo das sorpresas.
Tanguy tamén é coñecido entre os críticos e estudosos como o surrealista anti-Dalí. Pasou fame e privacións no París dos anos trinta (hai uns dous anos viuse en Barcelona a mostra París i els surrealistes) antes de firmar contratos con galerías que lle mellorarían a vida a el a mais á súa muller. Contratos que, firmados, acabarían por condicionar a súa arte. Non facía concesións. Un caso: Tanguy non ten cartos e quere vender un cadro a un amigo, o amigo dille que non, que xa ten obras súas, “pero se queres pintar o enreixado da casa ...” Aceptou. Comentario do amigo: “non se molestou, para Tanguy a pintura é a pintura”.
Xa dentro dos circuítos surrealistas, inventou con Miró os “cadavres exquisits”: escritura automática colectiva. A primeira frase na que se fixaron resultou dicir: O cadáver exquisito beberá o viño novo. Velaí a orixe do nome co que hoxe se coñece esa técnica de escritura tan querida por todo o movemento surrealista. Nas salas de Montjuïc móstrase unha ampla escolma deles, nos que participaron Breton, Ray, Miró, Tanguy e outros amigos e amigas.
Tivo moitas relacións con artistas españois. Amigo de Miró, contrincante de Dalí, mestre de Óscar Domínguez. Tamén coñeceu, aló polo ano 1932, a Maruxa Mallo cando viviu en París e foi loada por Breton (que lle mercou o cadro Espantallo, 1929). Nas mostras que Mallo fixo na capital francesa, Tanguy tivo ocasión de admirar as formas vexetais e óseas que a miúda e vitalista pintora baleiraba nos seus lenzos.
Hai tamén no MNAC unha ampla selección de debuxos eróticos, creados por Yves para ilustracións de publicacións diversas. Co paso do tempo, resultan curiosos e mono-temáticos. Vistos hoxe, sorprende a súa traza elemental e as formas, de tan explícitas, intranscendentes.
Cando comeza a II Guerra Mundial marcha a EEUU, onde vivirá desde 1940 até a súa morte en 1955. Alí continúa traballando nos vieiros surrealistas, mantendo relacións cos seus amigos. Amigos coma Miró e Breton que logo irán visitalo e pasar tempadas á súa casa de Woodbury (Connecticut). E seguen as mesmas cores, escuras, indefinidas sobre elementos tan persoais.
Con todo, as formas cada vez deixan nos cadros máis espazo baleiro pola parte de riba. Sorprende. E non é o único caso. Moitos pintores parecen camiñar do europeo horror vacui de xuventude -as présas por pechar os baleiros da nada- a unha vacuitas esencial de madurez. Sen buscar máis lonxe, sirvan os casos do seu amigo Miró, ou o do seu coetáneo Rothko. É coma se quixesen facer unha homenaxe á pintura holandesa (ceos amplos, baixa terra), ou como se as notas ceibadas por Thelonius Monk fosen cedendo na súa ingravidez. Así, esas cores desleixadas das amplas atmosferas excitan a pescuda do misterio nas teas.
L'objecte català a la llum del surrealisme
Complementaria da mostra de Yves Tanguy, o MNAC tamén ofrece unha galería de pezas creadas por artistas cataláns e relacionados con Cataluña, baixo as directrices estéticas do surrealismo. Marcel Duchamp comezou a traballar cos seus ready-made, e logo foron destrás artistas como Miró, Dalí e outros máis.
Algunhas das pezas que se poden ver agora nas salas do MNAC xa son verdadeiras iconas da arte surrealista. Baste citar o Teléfono-langosta (1938) ou Busto feminino retrospectivo (1933), pezas de Dalí, hoxe dous fetiches dos nosos tempos.
Ángel Ferrant viviu dous anos en Galicia (catedrático na Escola de Artes e Oficios da Coruña, 1918) e participou na revista de vangarda “Alfar”. Logo foi profesor na Llotja de Barcelona. Máis tarde elaborou as esculturas intactas (1945), producidas pola acumulación de varios obxectos atopados na natureza. Entre elas están pequenas esculturas elaboradas con pedras de praia e cunchas recollidas nos areais galegos e que levan nomes como: Pescador de Sada, ou Paxaro de mar, ou Muller de Regueiro, ou Mariñeiro narciso...
Se é certo, como din os propios artistas, que cando se descolgan as obras dunha mostra, unha parte delas queda fixada na sala, entón o engado, a maxia das pezas surrealistas que agora se poden ver no MNAC incrementarase co que deixaron (o sub-visible?) debuxos, naturas mortas, lenzos e táboas de tempadas anteriores. Toda unha provocación.
EXPOSICIÓNS:
Yves Tanguy. L'univers surrealista
L'objecte català a la llum del surrealisme.
MNAC
Palau Nacional (Montjuïc)
Até o 13 de xaneiro de 2008.
Horario: de martes a sábados, de 10 a 19 h., domingos, de 10 a 14,30 h.