Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN: PARÍS I ELS SURREALISTES

Unha pantasma percorre Catalunya?

Hai oitenta anos que o surrealismo comezou a andar polas rúas de París e nestas datas pódese ir ver en Lleida unha exposición de Eugenio Granell, surrealista galego. Ademais na Galería Ob-Art (Barcelona) preséntanse escaiolas de Jean Arp e no Centre de Cultura Contemporània de Barcelona (CCCB) está París i els surrealistes. Da transcendencia das propostas surrealistas fala a elección como obra artística máis influínte do século XX A Fonte, de Marcel Duchamp. Pero, que vixencia teñen aínda as propostas de A. Bretón e dos seus amigos? Que ten a arte actual de surrealista? Por Lito Caramés.

- 09:24 15/03/2005
Tags:

París, despois da I Guerra Mundial, é o niño onde chocan os ovos-miolos responsables de novas expresións artísticas. Unha das máis sobresaíntes é o surrealismo, polo que ten de revolución, de xeito de entender a vida. Os surrealistas redescobren-inventan o París romántico dos cabarets, da absenta, do marché des puces, tan surrealista na disparidade de obxectos.

A exposición presenta 370 obras dun cento de artistas. Con elas pretende dar unha visión deste movemento vital desde el mesmo, sen querer velo co ollo da crítica. As pinturas, esculturas, libros, fotografías, obxectos, filmes, documentos e textos tratan de meternos no pálpito do París dos anos trinta e corenta, para mostrar a visión do mundo das mulleres e dos homes que casaron a Marx con Freud.

Sorprendente o percorrido que se pode facer tratando de observar o papel da muller. Para moitos deles, a muller era a musa ou a maga, proxección dunha concepción machista ó uso hai setenta anos (e máis cara acó tamén). A carón desta realidade, nas salas do CCCB vense moitas obras e suxestións das mulleres surrealistas; traballos tan vangardistas coma os dos seus compañeiros. Esta participación activa das mulleres no surrealismo poucas veces se tiña referenciado tan claramente.

Outro acerto desta exhibición de obras de pequeño formato é a variadade e a diversidade. Non é unha exposición de pintura. Ó longo dos vinte apartados (la mirada i la màscara, l’objecte enigmàtic, París, la maga i la musa, art i compromís polític, l’informe…) de que consta, van aparecendo diante de nós creacións de todos os campos artísticos ós que os surrealistas prestaban atención por coherencia, como un xeito máis de ver, de reflexionar sobre o vivir. Que ten a Arte actual de surrealista? Que verme esperta en nós esta pantasma que percorre Catalunya? Quen queira sentirse cómplice de Duchamp, Bretón, Miró, Picabia, Arp, Zürn, Ray ou Dalí, ten unha boa oportunidade nas salas do CCCB.
_________
Exposición: París i els surrealistes
CCCB, Montalegre, 5 (O Raval)
Horario:
martes, xoves e venres, de 11 a 14 e de 16 a 20h.
mércores e sábado, de 11 a 20h.
domingos e festivos, de 11 a 19h.
Aberta até o 22 de maio.



0/5 (0 votos)