Palestina e Israel estrean o ciclo de conversas de paz este mércores pola tarde en Xerusalén, nun encontro marcado pola última incursión israelí en Gaza.
As tropas israelís abandonan Gaza, este martes
A organización Hamás -vencedora nos últimos comicios lexislativos e que controla a Franxa de Gaza- pediulles este martes aos representantes de Fatáh -que controla Cisxordania e conta co recoñecemento da comunidade internacional en Occidente- o seu boicot á primeira xuntanza entre israelís e palestinos, de cara a conseguir un acordo de paz, tras a Conferencia de Annapolis organizada hai dúas semanas.
Este mesmo martes, o Exército de Israel realizou unha nova incursión en Gaza na que resultaron mortos seis palestinos, presuntamente "membros de organizacións terroristas", segundo fontes israelís. "As mans do inimigo aínda están cubertas co sangue dos mártires", dixo Taher Nunu, un voceiro de Hamás. "É unha deshonra ir á negociacións de mañá (por esta cuarta feira)", afirmou.
Pola súa banda, membros do grupo negociador de Fatáh queixáronse de que este tipo de operacións militares son unha ameaza para o ciclo de conversas de paz e para a súa estabilidade. "A política israelí de intensificar os ataques vai dirixida a sabotar e por eivas ás negociacións mesmo antes de que dean comezo", denunciou Nabil Abu Rudeineh, voceiro de Mahmoud Abbas, presidente palestino.
Tony Blair comprende o escepticismo israelí
Está previsto que os equipos negociadores de Palestina e de Israel se reúnan esta cuarta feira pola tarde nun hotel de Xerusalén. Ao respecto, o comisionado do Cuarteto para Oriente Próximo, Tony Blair, recoñeceu comprender os temores e o escepticismo de Israel sobre as negociacións con Palestina, dada a división desta entre Gaza (Hamás) e Cisxordania (Fatáh), mais os animou a seguiren adiante.