O xogador compostelán gañou este sábado todas as partidas na modalidade "en movemento". As mellores mulleres son de Lugo, e despois, da Coruña.
Como vos contabamos esta semana, no Campionato Estatal de futbolín (que se celebra dende 1996, con algúns anos polo medio de paro e que este ano chegou a Compostela) participaban unhas 200 persoas nas dúas modalidades, "en movemento" (non se pode dar máis de dous toques seguidos á bola na barra dianteira) e "en parado" (pódense dar todos os toques que se queira). Ademais había unha categoría especial para as mulleres, que deron en chamar "modalidade feminina".
Pois en parado, así ficaron as cousas: de primeiros, o equipo Girona; de segundos o Rafadani, de Barcelona; e de terceiros os lugueses de Botixome.
"En movemento" o compostelán Luis Alberto Seoane e mailo seu compañeiro, o sevillano Manuel Amaya, Manolito (actuais campións do Estado e do Mundo), volveron gañar, demostrando un ano máis a súa supremacía coas barras futboleiras. Ademais, fixeron historia, porque nunca neste xogo unha parella tiña gañado este campionato dúas veces. Despois deles ficou o equipo A Xesta da Coruña, seguido do Bar Gullit, de Málaga.
As mellores mulleres tamén son de Lugo, e chamáronse Albasilvia. Despois delas, outras galegas, Inésnina, seguidas das terceiras, a parella de Huelva e Castellón, FríoMolinaGirls.
8.000 euros en premios repartidos entre Galiza, o Levante, Andalucía e Cataluña
Un ano máis, Recreativos Presas (os organizadores) repartiron un 8 mil euros en premios, que se foron dividindo polas zonas do Estado Español onde hai máis afección ao futbolín: Galiza, o Levante, Andalucía, Castela-León e Aragón. Aínda que este ano os cataláns tamén chegaron dándolle forte aos mandos de madeira.