Até o sábado competirán unhas 200 persoas, homes e mulleres na modalidade "en parado" e "en movemento".
Esta sexta feira comeza en Compostela o Campionato Estatal de Futbolín. Así como o Mundial está organizado polo Concello de Punta Umbría (teñen e patente), o estatal organízano as empresas do sector dende o ano 1996.
O primeiro dos campionatos desenvolveuse en Poio, e correu de mans dun empresario lalinense do sector dos recreativos, José Presas Zobra, nun seu tento de homoxeneizar as modalidades de xogo e de máquinas de futbolín. Na primeira edición participaron uns 40 xogadores.
Despois, nos anos a seguir realizouse conxuntamente co Campionato Estatal de Dardos, por vilas de Galiza, Castela e León e Aragón (Valladolid é a cidade que máis campionatos organizou até o de agora). No 2003, e tras un ano de paro debido á crise que sufriu o sector, retómase o evento, separándoo definitivamente dos dardos. Despois duns anos polo Levante, (onde ao parecer nacera moita afección, chegando ás cotas de Galiza, Andalucía ou Castela e León), o ano pasado o campionato volveu ás orixes, a Silleda. Este ano xa hai uns 200 participantes inscritos, competindo polos máis de 8.000 euros que hai en premios.
As modalidades de xogo
Neste campionato hai dúas modalidades de xogo, diferenciadas polo tratamento que se lle dá á bola na barra dianteira: bola en movemento e bola parada. Na modalidade "en movemento" non se pode dar máis de dous toques seguidos á bola na barra dianteira. Na modalidade de bola parada, poderase dar tódolos toques que se queira. A forma de xogo cambia moitísimo dunha modalidade a outra, así como tamén a técnica dos xogadores.
Aos xogadores gústalles máis a modalidade "en movemento", e de feito hai máis xente inscrita nela. O resto de regras son as de sempre (sacar se che meten un gol, sacar se perdiches, o saque inicial vai a cara ou cruz, non se pode variar de posición no medio da partida, cada partida é ao mellor de 7 bolas...); podes consultalas aquí.
O Campión do Mundo é do mesmo lugar onde naceu o futbolín
O Campión do Mundo de Futbolín (coroado este verán) é Luis Alberto Seoane, un mozo compostelán que traballa de soldador e ademais, dálle aos ferros dende hai moitos anos. Fai parella co sevillano Manuel Amaya, Manolito (segundo lle contou a Vieiros, coñecéronse nun torneo), e desta volta xoga na casa. De gañar, sería a primeira vez que alguén se proclamase campión dúas veces seguidas.
Seoane leva xogando toda a vida, nos recreativos e tamén nos bares, cos colegas. Segundo lle contou a Vieiros, os días antes dun campionato, tamén adestra, unhas dúas horas ao día, tres días á semana. O único que lamenta é non atopar patrocinador para poder saír fóra, xogar a nivel internacional.