Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Néganse a compartir premio "cos autores do desastre"

Balance da actividade mineira: forte deterioración, escasos beneficios

O Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, rexeitou un galardón da Cámara Mineira en protesta pola actitude da industria louseira e pola actual política mineira en Galiza.

Redacción - 10:00 09/12/2007

O compromiso na defensa do patrimonio científico e cultural, herdanza á que tamén pertence o Courel é o argumento exposto por Xoán Ramón Vidal Romaní, catedrático de Xeoloxía e director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, da Universidade da Coruña, para rexeitar o Premio Santa Bárbara, na modalidade Comunidade Mineira, concedido pola Cámara Oficial Mineira de Galicia. Desde SOS Courel agradécenlle á institución a súa firmeza na defensa do patrimonio natural do país.

En resposta oficial aos promotores do galardón, os responsábeis do centro investigador expoñen a súa imposibilidade en atender ao recoñecemento "debido á discrepancia coa política mineira actual" e en especial no que lle toca á "minaría da lousa". Xa que logo, Vidal Romaní rexeitou o premio en nome do Consello Científico do Instituto Universitario de Xeoloxía, IUX.


Fonda "agresión" ao medio para poucos beneficios
"O IUX non pode ignorar este deterioración do noso país e non pode autorizalo compartindo un premio de gran relevancia con algúns dos autores do desastre ambiental", indican na mensaxe enviada á Cámara Mineira. Na misiva aseguran que o centro non se opón á industrialización nin á minaría, pero destacan que esa actividade "non debera levar ao deterioro permanente e con escasos beneficios para Galiza".

Os investigadores critican que os danos producidos especialmente pola industria extractiva da lousa "son enormes" e están implicando a "destrución" do patrimonio científico, xeolóxico e biolóxico, do patrimonio ambiental. "Os efectos negativos destas explotacións de lousa son visíbeis de xeito evidente na comarca do Barco de Valdeorras e agora van comezar a repetírense coa mesma intensidade no Courel", denuncian. O IUX láiase de que "o Val de Pacios e os glaciares de 300 mil anos de antigüidade xa foron destruídos" e advirten de que a pé de Folgoso do Courel vanse repetir os mesmos erros.


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: