En visita na Habana, o presidente da Xunta falou da importancia da relación coa cidade onde naceron "o noso himno e a nosa bandeira" e o país que acolleu "milleiros de galegos".
"Para min, como presidente dos galegos, é unha auténtica honra e orgullo pensar que esta pequena peza que ten os mellores e máis fermosos poemas da nosa mellor poetisa poida deixar na Habana un anaco do noso corazón e do noso sentir", expresou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, no acto durante o que se descubriu unha placa no famoso Café del Oriente. A peza conmemorativa inclúe textos de Rosalía de Castro.
Acompañado de representantes dos tres grupos parlamentarios galegos e da presidenta da Cámara, Pérez Touriño falou da "emoción" de lembrar desde a Habana estes cen anos desde a primeira interpretación pública do himno. "Esta placa permitirá eternizar o legado, a pegada e a lembranza da nosa presenza nesta cidade que nos acolle e cuxa beleza é autenticamente conmovedora", dixo Touriño.